O CONCELLO ACOMETE NOVAS ACTUACIÓNS DE MELLORA DA MOBILIDADE E A SEGURIDADE VIARIA

O CONCELLO ACOMETE NOVAS ACTUACIÓNS DE MELLORA DA MOBILIDADE E A SEGURIDADE VIARIA
Martes 15 de Maio de 2018 - O obxectivo do proxecto como explicaron Casares e Vilariño, “é o de mellorar mediante unha actuación sinxela a seguridade de condutores e peón en puntos especialmente conflitivos. Con esta iniciativa o Goberno segue dando pasos en materia de accesibilidade e seguridade viaria, permitindo os desprazamentos a pé seguros e dándolle prioridade ás persoas por enriba dos coches.

Os concelleiros de Urbanismo e Obras, Nicolás González Casares, e Francisco Vilariño, informan de que o Concello de Lalín vén de poñer en marcha novas medidas para mellorar o ámbito da mobilidade urbana e incrementar a seguridade viaria e os desprazamentos a pé na vila. Esta nova actuación consiste, basicamente, na instalación en diferentes zonas conflitivas dentro da trama urbana, de elementos de protección como volardos de aceiro para evitar estacionamentos indebidos que provoquen inseguridade circulatoria e peonil por falta de visibilidade, así como o deterioro do mobiliario urbano.

Casares e Vilariño, que coordinaron conxuntamente esta actuación, realizaron un percorrido polos puntos urbanos nos que foi preciso tomar medidas. Como sinalaron, “dende o Concello vimos detectando o estacionamento indebido e continuado de coches en varias zonas da vila, en puntos onde a pesar de estar prohibido o estacionamento é constante a presenza de automóbiles que provocan falta de visibilidade e, polo tanto, son un perigo para a circulación e para os peóns”. “Por outra banda”, indicaron, “tamén detectamos varias zonas onde os vehículos estacionan sobre as beirarrúas e, ademais de impedir a accesibilidade, provocan estragos que logo hai que solucionar con cartos de todos os lalinenses”.

Por estes motivos, o Concello de Lalín impulsou esta actuación de seguridade viaria que se vai executar a través da adquisición e colocación por parte da brigada municipal de obras, de volardos de aceiro para evitar aparcamentos irregulares. Concretamente, tal e como informaron Casares e Vilariño, estes elementos de seguridade vanse instalar na Praza da Marina, nas zonas máis próximas a cada desvío da glorieta co fin de impedir que aparquen os coches nestas áreas xa restrinxidas e garantir a plena visibilidade tanto de vehículos como de peóns, garantindo unha completa seguridade. Tamén se instalarán co mesmo fin na intersección da rúa Z coa Avenida Luís González Taboada, e na propia rúa Z para evitar que os vehículos estacionen sobre a beirarrúa de acceso ao aparcadoiro Aldea Grande. Así mesmo, está prevista a súa colocación nas rúas Ponte, Areal e Corredoira para impedir o aparcamento sobre as beirarrúas, e tamén se colocarán nunha isleta da avenida de Bos Aires, onde habitualmente se poden ver coches aparcados.

Os concelleiros lembraron que dende o Goberno de Lalín vimos activando numerosas liñas de actuación para introducir importantes melloras, principalmente, en materia de accesibilidade, mobilidade e seguridade viaria. O edís recalcaron que o obxectivo do proxecto “é buscar mediante unha actuación sinxela, mellorar de maneira integral a seguridade en zonas relevantes da cabeceira comarcal próximas nalgún caso a centros escolares”. Con esta iniciativa o Goberno segue dando pasos en materia de accesibilidade e seguridade viaria, permitindo os desprazamentos a pé seguros e dándolle prioridade ás persoas por enriba dos coches.

Portal Transparencia

Roteiros de Lalín