O CONCELLO ACOMETE A HUMANIZACIÓN DUN SOLAR NA RÚA AREAL

O CONCELLO ACOMETE A HUMANIZACIÓN DUN SOLAR NA RÚA AREAL
Venres 23 de Febreiro de 2018 - Nicolás González Casares resalta que con esta iniciativa o Goberno mostra o seu esforzo por humanizar tamén pequenos espazos e poñelos en uso dos cidadáns.

O concelleiro Nicolás González Casares, supervisou esta mañá xunto co técnico municipal, Antonio Bernárdez, as obras de humanización do solar ubicado á altura do número 52 da rúa Areal, que xa están concluídas. A actuación supuxo o adecentamento integral dun espazo en desuso que creaba un impacto negativo na veciñanza por tratarse dunha área descoidada. Permitiu darlle continuidade a beirarrúa coa construción dun novo treito de 18 metros de longo que uniu as dúas partes existentes e anteriormente separadas polo citado solar. Así mesmo, acondicionouse a superficie, que quedou libre tras a desaparición dunha antiga edificación mediante a súa pavimentación, actuando sobre unha área total de 90 metros cadrados. Por outra banda, repararáronse as canalizacións do saneamento existente.

O concelleiro de Urbanismo resalta que con esta iniciativa o Goberno mostra o seu esforzo por humanizar tamén pequenos espazos e poñelos en uso dos cidadáns. Ademais indica que o proxecto supuxo a mellora integral da zona, mellorando a súa estética, así como a accesibilidade nun dos puntos de acceso ao Paseo do Pontiñas. Así mesmo, Casares sinala que con esta obra se avanza nas múltiples accións que o Goberno de Lalín está a desenvolver dende o inicio de mandato para incrementar as condicións da rúa Areal, dando resposta ás demandas veciñais para mellorar o entorno e a seguridade dunha das vías neurálxicas do municipio. No solar xa foron colocados uns bancos e unha nova luminaria, aínda que se estuda a incorporación de novos equipamentos para uso da cidadanía.

Portal Transparencia

Roteiros de Lalín