O CONCELLO ABRE O PRAZO DE INSCRICIÓN PARA OS CAMPAMENTOS URBANOS E NO MAR

O CONCELLO ABRE O PRAZO DE INSCRICIÓN PARA OS CAMPAMENTOS URBANOS E NO MAR
Xoves 2 de Xullo de 2015 - En total poderán participar ata 220 nenos e nenas. Tendo en conta o carácter integrador da actividade, o 25% das prazas de cada quenda nos distintos campamentos será gratuíta. O campamento da praia aumenta nun 10% o número de prazas e dobra o tempo de estancia para os nenos de entre 13 e 17 anos.

O departamento de xuventude do Concello de Lalín inicia o prazo de inscrición para os campamentos urbanos e os campamentos no mar, que se realizarán en tres e dúas quendas respectivamente. En total poderán participar ata 220 cativos con idades comprendidas entre os 5 e os 17 anos. Os campamentos urbanos teñen un custe de 30 euros e 20 por cada irmán, tendo os do mar unha cota de participación de 100 euros. En ambos casos se reservarán 25 prazas gratuítas por quenda para nenos e nenas de familias con poucos recursos, que presenten o informe pertinente outorgado por parte dos técnicos de Servizos Sociais.

Os campamentos urbanos realizaranse en tres quendas. A primeira será do 20 ao 31 de xullo, a segunda do 3 ao 14 de agosto e a terceira do 17 ao 28 do mesmo mes. As actividades lúdicas terán lugar en horario de 16.00 a 20.00 horas na casa da xuventude de Lalín. A recepción de solicitudes está aberta na Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) ata o 10 de xullo para a primeira quenda e para o resto ata 5 días antes do seu inicio. En cada volta poderán participar 40 nenos e nenas empadroados en Lalín, con idades comprendidas entre os 5 e os 9 anos.

En canto ao campamento no mar, cabe destacar que este ano se aumentará nun 10% o número de prazas e se dobrará o tempo de estancia para os rapaces de entre 13 e 17 anos, con respecto ao pasado curso. Terá lugar no campamento xuvenil Virxe de Loreto, da localidade coruñesa de Porto do Son e levarase a cabo en dúas quendas de 50 prazas cada unha. As estancias discorrerán entre o 14 e o 29 de agosto para os mozos e mozas de 13 a 17 anos, mentres que os cativos de idades comprendidas entre os 9 e os 13 poderán acudir dende o 22, para finalizar tamén o día 29. O período de inscrición será efectivo ata o 17 de xullo na oficina da OMIX.

Cada solicitante deberá presentar unha fotocopia do DNI do pai nai ou titor legal, outra da tarxeta sanitaria, unha fotografía tamaño carné e o pertinente xustificante de pagamento.

O obxectivo que se pretende conseguir coa organización dos campamentos é o de fomentar o deporte e a conciliación familiar e laboral, así como contribuír ao desenvolvemento integral dos nenos e nenas mediante a aprendizaxe permanente, a participación, o compañeirismo e a convivencia. Tamén se busca a corrección de comportamentos sexistas e, en definitiva, a integración da infancia sexa cal sexa a súa condición persoal, sociocultural ou económica.

Así, a posta en marcha da actividade xustifícase por estar baseada, fundamentalmente, nos principios reitores de integración, inserción social, promoción da vida saudable a través do deporte e convivencia en igualdade. Así mesmo, promoverase a o valor da solidariedade dentro da diversidade, a promoción da lingua galega e a formación continua, seguindo o principio de eficacia e eficiencia como método para alcanzar os fins propostos.

Roteiros de Lalín