O CONCELLEIRO DE ACTIVIDADE AGRARIA DEMANDA O INICIO DAS BATIDAS PARA PALIAR OS GRAVES DANOS PRODUCIDOS POLO XABARÍN NOS CULTIVOS DE MILLO

O CONCELLEIRO DE ACTIVIDADE AGRARIA DEMANDA O INICIO DAS BATIDAS PARA PALIAR OS GRAVES DANOS PRODUCIDOS POLO XABARÍN NOS CULTIVOS DE MILLO
Martes 16 de Maio de 2017 - O porco bravo destrozou nos últimos días parcelas enteiras de millo recén sementado na zona de Cangas, Rodís e Palio. Hermida anima a todos os afectados a denunciar os danos e reclama que se paguen todos os desperfectos tendo en conta o seu valor real. O Concello porá a disposición dos gandeiros os formularios de denuncia dirixidos a Medio Ambiente.

O concelleiro de Actividade Agraria, Xosé Manuel Hermida, visitou esta mañá, xunto co secretario comarcal de Unións Agrarias, Román Santalla, e o Secretario de Desenvolvemento Rural da mesma organización, Jacobo Feijóo, os cuantiosos danos producidos polo xabarín nas últimas semanas nos cultivos de millo recén sementados da zona de Palio, Rodís e Cangas. Concretamente, nesta última parroquia, o porco bravo arrasou nas pasadas noites unha finca de millo dunha hectárea, aproximadamente, pertencente á explotación de Manuel García, que hoxe amosaba a súa preocupación polas cuantiosas perdas e facía referencia á necesidade de ter que volver resementar a parcela por completo.

Durante a visita aproveitouse para levantar as actas dos desperfectos e cubrir o formulario de denuncia por parte dos afectados, no que se dá conta dos danos e se solicita á Xefatura Terriotorial de Medio Ambiente a necesidade de tomar medidas de control sobre o xabarín. Nesta liña o concelleiro de Actividade Agraria insistiu na necesidade urxente “de que se autorice o comezo das batidas ante os graves danos que se están rexistrando por todo o municipio na sementeira”. Hermida lembrou que no encontro mantido en Pontevedra, no mes de abril, entre a concellería e a Xefatura de Medio Ambiente, “xa se transmitiu a necesidade de empezar coas batidas e as desfeitas producidas agora reafirman esta esixencia”. O responsable de Actividade Agraria considera que “se debe actuar inmediatamente, xa que a situación das explotacións é moi difícil a causa da crise de prezos que se arrastra, a seca e agora os destrozos do xabarín que está arrasando plantacións enteiras”. Nesta liña, o edil apuntou á boa disposición amosada pola Sociedade de Caza para dar inicio ás medidas de control que “son urxentes debido aos estropicios continuados que provoca a invasión constante de porcos bravos”.

Doutra banda Xosé Manuel Hermida esixe á Xunta de Galicia que se abonen todos os danos aos prexudicados tendo en conta o valor real do millo perdido. Porén, anima a todos os produtores a denunciar os danos “pois só desta maneira conseguiremos que se actúe e se tomen as medidas necesarias para reverter esta conflitiva situación”. O concelleiro aproveitou para anunciar que a concellería de Actividade Agraria porá a disposición dos afectados no concello os formularios de denuncia dirixidos á Xefatura Territorial de Medio Ambiente, así como o asesoramento preciso para cumprimentalos e envialos de modo correcto. Nestes documentos é necesario indicar a propiedade da finca afectada, así como o número de parcela e o tipo de cultivos perxudicados, sendo oportuno acompañalos con material gráfico. Os formularios tamén estarán a disposición dos gandeiros e gandeiras nas cooperativas agrarias do municipio.

Roteiros de Lalín