O ARQUITECTO LUÍS FERNÁNDEZ SERÁ O ENCARGADO DE REDACTAR O PROXECTO PARA A REHABILITACIÓN DO CONXUNTO HISTÓRICO DE LALÍN DE ARRIBA

Luns 2 de Abril de 2018 - O documento técnico incluirá un amplo estudo histórico sobre a zona, así como aspectos relacionados coa participación da cidadanía na intervención. A actuación busca, segundo González Casares, “recuperar o sentido histórico deste punto, onde está a orixe de Lalín e que é, ademais, a entrada do Camiño de Inverno á vila”.

O concelleiro de Urbanismo, Nicolás González Casares, anunciou hoxe que o Concello de Lalín vén de adxudicarlle a redacción do proxecto para a rehabilitación do conxunto histórico de Lalín de Arriba, incluído dentro da Estratexia DUSI Lalín Ssuma21, ao arquitecto lalinense, Luís Fernández, do estudo de arquitectura “Enki Arquitectura”. A redacción deste proxecto, tal e como explicou o titular de urbanismo, incluirá, ademais de todo o relativo á intervención de mellora na zona, un amplo estudo histórico sobre o conxunto, así como aspectos relacionados coa necesidade da participación da cidadanía nesta actuación.

Este proxecto enmárcase dentro do obxectivo temático número 6 da estratexia de desenvolvemento urbanos sostible a través da que lle foron concedidos ao Concello de Lalín 5 millóns de fondos europeos para investir en diferentes proxectos. Dito obxectivo temático acolle as iniciativas de protección, fomento e desenvolvemento do patrimonio histórico, cultural e natural. Dentro da estratexia, o proxecto conta cun orzamento total de inversión de 281.250 euros. Serán investidos na humanización, principalmente, do entorno da igrexa parroquial, para mellorar o aspecto xeral da zona a través de actuacións como a adecuación das calzadas, ou o ensanchamento das zonas verdes próximas. Tamén se incorporarán melloras na separación de augas así como intervencións e iniciativas para poñer en valor a entrada do Camiño de Inverno ao casco urbano de Lalín.

O tenente de alcalde considera moi importante a rehabilitación desta zona de Lalín de Arriba entre outras cousas, precisamente, por ser “a primeira cara de Lalín polo Camiño de Inverno, servindo así de carta de presentación aos peregrinos da nosa vila”. Neste senso explicou que o que se busca con esta obra é “humanizar o conxunto que se pode considerar o “corazón de Lalín de Arriba” para recuperar dalgún xeito a súa historia”. “Ao mesmo tempo” -continua- “tamén se busca dar significación a este lugar tan acolledor e poñer en valor o punto de orixe histórica de Lalín, mediante a súa mellora integral e mediante a dotación de simboloxía correcta do Camiño de Inverno, unha ruta xacobea que o Goberno está a promocionar como eixo de dinamización económica e social”.

A parte do proxecto relativa á participación cidadá contempla a convocatoria de reunións coa veciñanza de Lalín de Arriba para abordar esta actuación lembrando que “o Lalín Ssuma21 é un proxecto colaborativo que, porén, está aberto a todo tipo de suxerencias, propostas e ideas cidadás”.

Portal Transparencia

Roteiros de Lalín