O APARCADOIRO ALDEA GRANDE OFERTA UNHA HORA DE ESTACIONAMENTO GRATIS ATA O DÍA 16 DE XANEIRO

O APARCADOIRO ALDEA GRANDE OFERTA UNHA HORA DE ESTACIONAMENTO GRATIS ATA O DÍA 16 DE XANEIRO
Mércores 3 de Xaneiro de 2018 - A iniciativa busca incentivar a actividade comercial na vila en reis e rebaixas, así como fomentar os hábitos de estacionar nesta área. A partir do minuto 61 e ata o minuto 120, por cada minuto cobraranse 0,01667 euros, mentres que a partir do minuto 121, o custe por cada minuto adicional será de 0,00667 euros.

O aparcadoiro municipal Aldea Grande comeza o 2018 cunha nova campaña promocional. En concreto, este servizo ofrecerá unha hora de estacionamento gratis ata o vindeiro día 16 de xaneiro, coincidindo coas xornadas de reis e rebaixas. Esta nova campaña dá continuidade á que permaneceu vixente do 10 ao 24 de decembro e, como apuntou a concelleira delegada desta instalación pública, María Jesús Sánchez, busca incentivar a actividade comercial da vila en Nadal ofrecéndolle á cidadanía un lugar céntrico, cómodo e seguro para estacionar. Ao mesmo tempo, esta bonificación tamén pretende seguir fomentando os hábitos dos condutores de aparcar nesta área en época de alto fluxo de vehículos ao casco urbano por razóns comerciais e evitar así problemas de aparcamento e mobilidade. A partir do minuto 61 e ata o minuto 120, por cada minuto cobraranse 0,01667 euros, mentres que a partir do minuto 121, o custe por cada minuto adicional será de 0,00667 euros.

O Párking Aldea Grande é de xestión e propiedade municipal desde o ano 2015.Trátase dun dos principais activos do Concello de Lalín para fomentar unha mobilidade sostible. Porén, como explicou a concelleira, “dende o Goberno traballamos para aportar un servizo de calidade, ao tempo que buscamos que o aparcadoiro alcance a súa propia sostibilidade económica e poida servir como un elemento máis de comodidade para os visitantes que se achegan ao noso Concello e que son moitos nestas datas”.

Roteiros de Lalín