O ALCALDE DESTACA AS IMPORTANTES SINERXIAS ECONÓMICAS PARA LALÍN DAS COMPETECIÓNS DE KUNG-FU E BALONMANO DESTA FIN DE SEMANA

Mércores 14 de Xuño de 2017 - Rafael Cuíña parabeniza a organizadores e participantes polo éxito das probas e por promover a mellor imaxe de Lalín en toda Galicia. O rexedor agradece as felicitacións dos organizadores ao Concello pola súa colaboración e pola implicación dos membros do Goberno e ponse á súa disposición para a organización de futuros eventos, dos que xa se está a falar.

O alcalde de Lalín, Rafael Cuíña, salientou hoxe as importantes sinerxias económicas e sociais que supuxo para Lalín a celebración, durante esta fin de semana, do XXXIV Campionato de Galicia Escolar de Kung-Fu e do Campionato Galego de Seleccións Provinciais de Balonmán. “Estas dúas competicións”, indica o rexedor, “non só constitúen unha boa mostra da aposta política do Goberno municipal pola actividade deportiva, senón que tamén xera importantes beneficios para a dinamización económica e social do municipio”.

Neste sentido, Rafael Cuíña salienta a enorme cantidade de público que se achegou a Lalín durante os dous días de celebración destes eventos, aos que ademais dos propios participantes acudiron centos de acompañantes procedentes de toda Galicia e que, en consecuencia, deixaron unha importante cantidade de cartos para a hostalería e o comercio do municipio. Trátase dun “factor que, xunto con todo o que ten que ver coa potenciación do deporte a todos os niveis, nos fai reafirmarnos aínda máis no noso compromiso con este tipo de competicións para as que, como sempre, poñemos toda a nosa colaboración”. En consecuencia, “conscientes desta realidade, no Goberno puxemos todo o que estivo na nosa man para colaborar cos organizadores das diferentes probas.

Por último, o rexedor quixo agradecer as felicitacións transmitidas polos organizadores destas dúas competicións deportivas ao Concello, ao propio alcalde e aos concelleiros do Goberno pola súa constante colaboración e por poñer todo o seu empeño para que estas probas fosen un rotundo éxito, “tal e como así sucedeu”. Rafael Cuíña indicou tamén que se pon á disposición dos organizadores para a celebración de futuros eventos, dos que xa se está a falar.

Roteiros de Lalín