O ALCALDE DE LALÍN TRASLÁDALLE AO GRUPO DO PP NO PARLAMENTO DE GALICIA AS DEMANDAS DO CONCELLO A PROL DO CAR

Mércores 11 de Outubro de 2017 - Os populares comprométense a trasladarlle á consellería de Sanidade a petición do Goberno para que se concrete a folla de ruta e prazos sobre o seu modelo de infraestrutura sanitaria en Lalín. Rafael Cuíña expresa o seu agradecemento pola receptividade amosada e agarda que se concreten as xestións para aclarar o futuro sobre esta iniciativa. O rexedor mantivo esta mañá un encontro co portavoz de Sanidade do PP, Aurelio Núñez Centeno, e co deputado, José Balseiros.

O alcalde de Lalín, Rafael Cuíña mantivo esta mañá en Santiago de Compostela unha reunión de traballo cos responsables de Sanidade do grupo do Partido Popular no Parlamento de Galicia. Este encontro serviu para darlle continuidade á rolda de contactos iniciada o pasado mes de setembro coas formacións políticas con representación na Cámara autonómica para trasladarlles as demandas do Goberno municipal a prol do Centro de Alta Resolución (CAR) en Lalín. En concreto, o rexedor explicoulles as reivindicacións do Concello ao portavoz de Sanidade do PP no Parlamento, Aurelio Núñez Centeno, e ao deputado, José Balseiros, ante a imposibilidade de Pedro Puy de asistir a esta reunión por motivos de axenda

No encontro, Rafael Cuíña debullou polo miúdo o proceso desenvolvido nos últimos anos para intentar materializar a construción do CAR, conforme aos compromisos adquiridos pola propia Consellería de Sanidade, e incidiu en que a día de hoxe a Xunta segue sen concretar os posibles cambios no proxecto, dos que se tivo noticia a través de diferentes respostas parlamentarias. Neste sentido, os portavoces do grupo parlamentario do PP indicaron que, segundo as súas informacións, a alternativa que se ofrecerá ao CAR será un centro integral de saúde semellante ao que comprometeu o presidente da Xunta para Lugo. En calquera caso, en ante a falta de resposta á reiteradas solicitudes de reunión co conselleiro de Sanidade, os deputados Núñez Centeno e Balseiros, comprometéronse a trasladarlle a este departamento da Xunta a petición para que se informe ao Concello sobre o novo modelo, a folla de ruta e os prazos para a súa execución.

Cuíña, quen agradeceu a receptividade amosa polos membros do grupo parlamentario popular, expresou a súa confianza en que estas xestións se concreten canto antes para poder dar resposta ás dúbidas que a día de hoxe se manteñen sobre o proxecto sanitario da Xunta. O rexedor insistiu en este proxecto constitúe unha iniciativa fundamental para dar resposta ás necesidades sanitarias das veciñas e veciños de Lalín, da comarca e, en definitiva, do resto dos habitantes do centro de Galicia, polo que o Goberno galego debe aclarar canto antes que é o que quere facer. Doutra banda, tamén cómpre ter en conta que o Concello tivo que investir preto de 400 mil euros no proceso expropiatorio para conseguir os terreos para a execución do Centro de Alta Resolución, cuxa concreción segue a ser unha incógnita.

Roteiros de Lalín