O ALCALDE ANALIZARÁ O FUTURO DA ROLDA LESTE CO XEFE DE DEMARCACIÓN DE ESTRADAS DE GALICIA

O ALCALDE ANALIZARÁ O FUTURO DA ROLDA LESTE CO XEFE DE DEMARCACIÓN DE ESTRADAS DE GALICIA
Luns 24 de Agosto de 2015 - Cuíña agradece a González del Río a súa boa disposición e agarda chegar a acordos que permitan resolver o deterioro desta infraestrutura.

O alcalde de Lalín reunirase o martes da próxima semana na Coruña co xefe da demarcación de estradas de Galicia. Neste encontro, Rafael Cuíña e Ángel González del Río analizarán -entre outros asuntos- o estado da Rolda Leste, unha infraestrutura básica para o sostemento das comunicación viarias en Lalín e que “lamentablemente se atopa nun impropio do século XXI”.

Cuíña lembra que “esta estrada se deteriorou en tempo rércord polo desleixo e a incompetencia do anterior goberno municipal e agora somos todos os que pagamos as consecuencias da súa nefasta xestión, tanto na zona urbana de Lalín como na zona rural”.

O alcalde de Lalín explica que “un dos nosos principais obxectivos é acadar o financiamento preciso para poder iniciar as obras de mellora da Rolda Leste, pero para iso é necesaria unha aposta máis firme, urxente e decidida por parte de todas as administracións implicadas”. “Por desgraza”, lembra o alcalde, “o proxecto de orzamentos xerais do Estado para o ano 2016 non inclúe nin un so euro para esta iniciativa”.

Cando a principios de agosto se presentaron as contas do estado para o vindeiro ano, o Goberno municipal xa anunciou que se ían iniciar xestións con representantes do Ministerio de Fomento para intentar corrixir esta carencia flagrante e altamente prexudicial para os intereses da veciñanza de Lalín. Neste sentido, Rafael Cuíña agradece a Ángel González del Río a súa boa disposición e a rapidez en recibilo e agarda chegar a acordos que permitan resolver o deterioro desta infraestrutura.

Portal Transparencia

Roteiros de Lalín