A NOVA ÁREA DE ESTACIONAMENTO DE O REGUEIRIÑO OFRECERÁ 46 NOVAS PRAZAS DE APARCAMENTO GRATUÍTAS

A NOVA ÁREA DE ESTACIONAMENTO DE O REGUEIRIÑO OFRECERÁ 46 NOVAS PRAZAS DE APARCAMENTO GRATUÍTAS
Luns 2 de Abril de 2018 - Os espazos reservados para os vehículos organizaranse en 3 sectores delimitados para o estacionamento de turismos de xeito diagonal en batería, co obxectivo de conseguir o maior aproveitamento da superficie. O proxecto conta cun orzamento de 46 mil euros e o seu deseño adaptarase por completo a un entorno urbano como o Regueiriño. Esta nova superficie converterá a Lalín na vila da súa categoría con máis prazas de aparcamento de balde.

O proxecto do Concello de Lalín para o acondicionamento dunha parcela de propiedade municipal situada á beira do edificio dos xulgados co obxectivo de transformala nunha nova área urbana integrada no entorno de estacionamento gratuíto foi ultimado durante estas semanas. Así, os concelleiros de Urbanismo e Obras, Nicolás González Casares e Francisco Vilariño, anunciaron hoxe que o proxecto técnico desta actuación contempla a creación de 46 novas prazas de aparcamento. Os espazos reservados para os vehículos organizaranse en 3 sectores delimitados para o estacionamento de turismos de xeito diagonal en batería, co obxectivo de conseguir o maior aproveitamento posible do espazo. A intervención contará coa dotación de equipamentos axeitados e apostará por unha solución estética e integrada nun entorno urbano como o Regueiriño. Deste modo, como apuntan os concelleiros, a actuación tamén contribuirá á rexeneración urbana dun predio de 1.500 metros cadrados que actualmente se atopa en malas condicións e que en ocasións xa é empregado para estacionar. Así mesmo, Vilariño e Casares anunciaron que o orzamento total da obra será de 46.000 euros.

A reforma deste solar para convertelo nun aparcadoiro gratuíto con preto de 50 prazas converterá a Lalín na vila galega da súa categoría cun maior número de prazas de estacionamento habilitadas nas proximidades do centro. Hai que lembrar que ademais deste espazo, o campo da feira tamén permite o aparcamento de decenas de coches totalmente de balde, ao que hai que sumarlle as prazas que ofrece o párking Aldea Grande. Porén, este novo proxecto será dunha gran utilidade para a cidadanía, que gozará de maiores posibilidades de estacionamento a menos de 2 minutos a pé do centro da vila.

Ademais, esta superficie vaise executar mediante un deseño adaptado por completo a un entorno urbano como o Regueiriño, onde se asentan importantes edificios administrativos, pero que tamén funciona como unha zona residencial moi próxima a importantes espazos lúdicos e deportivos como o Paseo do Pontiñas, ou culturais, como a Biblioteca ou o Museo Municipal. A iniciativa tamén vai na liña dun modelo de mobilidade urbana adaptado ás persoas, que foxe da acumulación de vehículos no centro, facilitando o seu estacionamento na periferia máis próxima.

Portal Transparencia

Roteiros de Lalín