Nota de Prensa O CONCELLO INICIA ESTA SEMANA A DISTRIBUCIÓN DAS ENQUISAS ÁS FAMILIAS DO PLAN CONCILIA LALÍN

Nota de Prensa O CONCELLO INICIA ESTA SEMANA A DISTRIBUCIÓN DAS ENQUISAS ÁS FAMILIAS DO PLAN CONCILIA LALÍN
Venres 8 de Xuño de 2018 - As consultas permitirán coñecer os intereses das familias con menores no ámbito da conciliación para poñer en marcha servizos que dean resposta ás súas necesidades e intereses reais. González Casares sinala que a enquisa ten lugar dentro do compromiso pola participación establecido en todos os apartados estratexia Lalín Ssuma 21. O tenente de alcalde puxo de relevo o esforzo do Goberno en materia de conciliación a través de medidas como o reforzo dos campamentos e as múltiples iniciativas incluídas nesta estratexia financiada con fondos europeos.

O Concello de Lalín está traballando para a posta en marcha do Programa Concilia Lalín, que ten por obxecto articular servizos que permitan compatibilizar a vida laboral coa vida persoal e familiar adaptados ás necesidades reais da cidadanía como parte da Estratexia DUSI Lalín Ssuma 21, cofinanciada nun 80% por fondos FEDER no marco do programa operativo de crecemento sustentable (POCS) 2014-2020. Así, como adiantou o concelleiro de Benestar e coordinador da estratexia, Nicolás González Casares, esta mesma semana comezará a distribución entre as familias dos menores dos centros escolares de primaria e infantil de Lalín das enquisas mediante as que se pretende avaliar, principalmente, as necesidades, problemas e preocupacións máis importantes no eido da conciliación aos que se enfrontan os menores lalinenses da zona rural e do casco urbano e así poñer en marcha iniciativas que se axusten o máximo posible ás súas necesidades. Pero como sinala Casares, os cuestionarios non só servirán para sacar conclusións respectivas á conciliación, senón que permitirán crear un diagnóstico completo de cara o futuro da situación social dos menores para articular a longo prazo as correspondentes pautas de actuación.

Os documentos entregados ás familias do alumnado lalinense son completamente anónimos e fan referencia a variadas cuestións. Entre outras, pregúntase sobre a cantidade de ingresos netos mensuais no fogar, sobre os servizos escolares dos que fan uso os estudantes (comedor, transporte), as diferentes circunstancias que lle afectan ás familias á hora de compaxinar a vida laboral coa familiar, os tramos horarios nos que as familias teñen máis necesidade de compaxinar, as actividades extraescolares nas que participan os menores ou sobre os servizos que considera máis importante poñer en marcha para favorecer a conciliación.

Como apunta o tenente de alcalde a enquisa ten lugar dentro do compromiso pola participación establecido en todos os apartados estratexia Lalín Ssuma 21. Neste caso, grazas á consulta, poderanse coñecer os intereses e preferencias das familias con menores no ámbito da conciliación e recadar propostas para a posta en marcha xunto coa colaboración de mesas de traballo, ANPAS e asociacións, de servizos e actividades que dean resposta ás súas necesidades e intereses reais.

O proxecto enmárcase dentro do firme compromiso do Goberno a prol da conciliación laboral e familiar e ten como marco temporal para o seu completo desenvolvemento 3 anos. En total, o Concello destinará á activación deste plan de marcado carácter social 217.500 euros e que se financian con cargo aos máis de 5 millóns dos fondos europeos FEDER concedidos a Lalín por ser seleccionada a súa estratexia de desenvolvemento urbano sostible.

Por último, Nicolás González Casares puxo de manifesto o gran esforzo do Goberno local en materia de conciliación, a través de diversas medidas como o reforzo dos campamentos de verán ou o financiamento das garderías. Un esforzo que se pon de relevo tamén en Lalín Ssuma 21, un proxecto que ten como unha das liñas principais de actuación a conciliación e as políticas sociais.

Portal Transparencia

Roteiros de Lalín