A Mostra da Camelia regresa a Liñares os días 13 e 14 coa participación de 20 expositores

A Mostra da Camelia regresa a Liñares os días 13 e 14 coa participación de 20 expositores
Mércores 10 de Xaneiro de 2018 - O Concello de Lalín anima a toda a cidadanía a visitar a mostra os días 13 e 14 de xaneiro no Pazo de Liñares, agardando que alcance, canto menos, o éxito da pasada edición.

Os concelleiros de Medio Ambiente e Turismo, Celia Alonso e Francisco Vilariño, presentaron o pasado sábado no Pazo de Liñares a segunda edición da Mostra da Camelia de Lalín que vai ter lugar nesta casa señorial a próxima fin de semana. Os concelleiros explicaron que esta actividade chega á súa segunda edición co afán de consolidarse e que nesta ocasión vai contar con cerca duns 20 expositores chegados de diferentes puntos de Galicia.

Os concelleiros agradeceron a colaboración da Deputación de Pontevedra, así como do Concello de Vedra, que axuda na organización. Tamén agradeceron as aportacións da Asociación Española da Camelia, en concreto da Carmen Salinero, unha gran experta a nivel europeo nesta planta floral.

Tanto a seca como os temporais vividos ultimamente afectaron negativamente á floración camelia, polo que non vai ser posible contar con expositores locais, tal e como se pretendía, senón que chegarán maioritariamente da zona das Rías Baixas.

O Concello de Lalín anima a toda a cidadanía a visitar a mostra os días 13 e 14 de xaneiro no Pazo de Liñares, agardando que alcance, canto menos, o éxito da pasada edición.

Roteiros de Lalín