A MOCIDADE LALINENSE USA INTERNET UNHA MEDIA DIARIA DE ENTRE 2 E 4 HORAS, SEGUNDO O ESTUDO DE ADICCIÓNS DO CONCELLO DE LALÍN

A MOCIDADE LALINENSE USA INTERNET UNHA MEDIA  DIARIA DE ENTRE 2 E 4 HORAS, SEGUNDO O ESTUDO DE ADICCIÓNS DO CONCELLO DE LALÍN
Xoves 8 de Febreiro de 2018 - O 25% afirma realizar un consumo medio superior a 4 horas ao día. O 42,3% considera que o uso de internet algunha vez restou rendemento no ámbito académico e un 37% sufriu sensación de ansiedade cando tentou conectarse e non foi capaz. As redes sociais e a mensaxería ocupan a maioría do tempo que os adolescentes de Lalín dedican a internet. Os xogos online e as compras son dous dos factores máis susceptibles de provocar condutas compulsivas en internet.

O concelleiro de Benestar Social, Nicolás González Casares, presentou esta mañá os resultados referentes a consumo de internet extraídos do estudo de condutas aditivas nos adolescentes do concello de Lalín realizado no marco do programa municipal de prevención das adiccións que se desenvolveu o ano pasado e que terá continuidade no actual en colaboración co Concello de Silleda. Este estudo, do que xa foron presentados, por exemplo, os resultados relativos ao consumo de drogas, busca, segundo Casares, ser un espello da realidade lalinense no referente aos trastornos aditivos e servir como base para que as persoas que se encarguen de traballar sobre a prevención teñan un marco de referencia.

O informe sobre internet baséase nas enquisas que cubriron anonimamente alumnos e alumnas de 3º e 4º de ESO dos IES Laxeiro, Aller Ulloa e Sagrado Corazón, cun rango de idade comprendido entre os 13 e os 16 anos. Destes, o 52,6% foron mulleres e o 47,4% homes. Como dato introdutorio, segundo a análise do informe, o 58% recoñece as adicións como condutas repetitivas daniñas, pero só o 14,9% recoñece que presenta algunha na actualidade. Pola contra, o 60,5% asegura que alguén do seu círculo de familiares e de amigos padece algunha adicción.

O consumo abusivo de internet e das novas tecnoloxías entra dentro das denominadas adiccións comportamenteais ou conductuais. Estas presentan un patrón igual ás adiccións por sustancias químicas, xa que se fai patente a necesidade de repetir cada vez con maior frecuencia o comportamento para lograr a satisfacción e producen dependencia ou síndrome de abstinencia, entre outras consecuencias. Dentro deste tipo de condutas, as máis habituais na adolescencia son as adiccións ás novas tecnoloxías, a internet, aos xogos e ás compras. O uso de internet pode ser problemático cando o número de horas de conexión afecta ao correcto desenvolvemento da vida cotiá, causando, por exemplo, estados de somnolencia, alteracións no estado de ánimo, redución das horas adicadas ao estudo etc. Así, o 42,3% dos enquisados emprega internet unha media de entre 2 e 4 horas diarias, mais o 25,1% afirma realizar un consumo de internet medio maior de 4 horas ao día. O 90% úsano principalmente para o servizos de mensaxería e redes sociais, afirmando o 100% que dispón dun dispositivo móbil de última xeración propio. Actualmente, a rede social máis empregada polos adolescentes lalinenses é o instagram.

O uso correcto de internet é imprescindible a día de hoxe, pero hai que ter en conta os riscos que pode supoñer un mal uso do mesmo. Así, o 77% dos participantes realiza un uso de internet persoal e o 20,9% di permanecer sempre conectado máis tempo do que tiña planificado. En relación ao uso de internet nas relacións mantidas co entorno, o 85% nunca deixou de facer plans cos amigos e familiares para usar internet, pero o 36,7% refire enfadarse cando alguén o interrompe mentres usa o móbil ou outro dispositivo. Así mesmo, o 42,3% considera que o uso de internet algunha vez restou rendemento de xeito negativo no ámbito académico e un 37% sufriu sensación de ansiedade ou preocupación cando tentou conectarse e non foi capaz.

Xogos

O 40% dos participantes fan un uso de xogos por internet. O xogo en si é unha actividade normal e positiva na vida de calquera adolescente, que lle permite un desenvolvemento físico, psicolóxico e social. O problema actual do xogo sucede normalmente cos xogos de azar con remuneración económica de carácter online, debido a facilidade de aceso a pesar de estar prohibidos para menores de idade. As conductas de risco ante o xogo xurden en primeir lugar pola dependencia que esta actividade pode crear, o 37% dos participantes refiren molestarse si os interrompen mentres están xogando. Do 40% que participa en xogos online soamente un 9% dos refire haber realizado apostas nalgunha ocasión.

Compras

A adición ás compras provoca unha falta de control ante o consumo e desemboca en problemas económicos e sociais. O 19% dos participantes utiliza o comercio electrónico no seu uso habitual de internet. O 46,9% dos participantes sentiu algunha vez a necesidade de comprar algo que non precisase e un 7% sempre sinte a necesidade de ir de compras aínda que non precise nada.

Como conclusión, e aínda que os casos de risco son puntuais, o estudo sinala que se debe prestar especial atención a este tipo de adicións conductuais, especialmente ás redes sociais e aos coportamentos abusivos relacionadas co uso de internet. A media de horas de uso de internet en case a metade dos participantes é de 2 a 4 horas diarias sendo o principal uso de ocio e de carácter persoal. O 40% dos participantes emprega os xogos no uso de internet diario, estes xogos de carácter online teñen a facilidade de crear perfís falsos desde os que se poden realizar apostas de diñeiro. O 20% fai un uso frecuente do comercio electrónico que fortalece a necesidade de comprar cousas que non se precisan.

Porén, a prevención nas condutas de adicións deberá seguir dúas liñas principais: formación dende os centros educativos como base preventiva con talleres formativos e interactivos nos que se aprendan estratexias de decisión ante as condutas aditivas. Tamén é importante a formación de grupos de intervención entre iguais, xa que as amizades son unha das influencias clave ante a toma de decisións sobre as condutas aditivas.

Nicolás González Casares fixo fincapé en que o estudo aporta datos reais da sociedade lalinense e que servirá como a base sobre a que pivotará o programa de prevención de condutas aditivas, que se iniciou o ano pasado con estudios e diversos talleres incluídos no programa Mocidade Activa e que terán continuidade este ano en colaboración co Concello de Silleda.

Portal Transparencia

Roteiros de Lalín