MIGUEL ANXO MARTÍNEZ OUBIÑA GAÑA O XLII CERTAME NACIONAL GALEGO DE NARRACIÓNS BREVES "PREMIO MODESTO R. FIGUEIREDO"

MIGUEL ANXO MARTÍNEZ OUBIÑA GAÑA O XLII CERTAME NACIONAL GALEGO DE NARRACIÓNS BREVES "PREMIO MODESTO R. FIGUEIREDO"
Luns 9 de Xaneiro de 2017 - O xurado concedeu dous accésits ás obras de María Greys López e de Emma Pedreira. A entrega de premios terá lugar o día 3 de febreiro, ás 20. 30 horas na Biblioteca municipal Varela Jácome.

O XLII Certame Nacional Galego de Narracións Breves “Premio Modesto R. Figueiredo”, organizado pola Fundación Padroado do Pedrón de Ouro, que este ano acolle o Concello de Lalín, xa ten gañador. Trátase do escritor e xornalista Miguel Anxo Martínez Oubiña, de Vilagarcía de Arousa. O Xurado do certame, reunido esta mañá nas dependencias do Concello de Lalín, recoñeceu a obra deste autor titulada A vinganza de Valdedeus. Houbo, tal e como indicou a concelleira de Cultura, Lara Rodríguez Peña, que formou parte do tribunal, “unanimidade na escolla, resultando o relato de Anxo Martínez Oubiña o favorito de todos os representantes cando se fixo a posta en común”. O texto vencedor do que se considera o certame literario máis antigo de Galicia está dotado cun premio en metálico de 1.000 euros.

Por outra banda, o xurado concedeu dous accésits -premiados con 400 euros cada un- ás autoras Iris Maria Greys López por Por que estamos aquí? E Emma Pedreira, por Poder de alumear. Ambas escritoras son de A Coruña. A entrega dos galardóns terá lugar o día 3 de febreiro ás 20.30 horas, na Biblioteca municipal Varela Jácome.

O xurado que seleccionou as obras estivo formado polo escritor Carlos Negro, por Adolfo Caamaño, por Luís Menéndez, do Pen Club, por Lara Rodríguez Peña, en representación do Concello e por Xosé Ramón Fandiño e David Otero, de O Pedrón de Ouro, con voz pero sen voto. En total entraron a concurso 75 traballos, polo que a decisión do tribunal foi complexa. O Certame Nacional Galego de Narracións Breves, que dende o 1975 leva o nome de “Modesto R. Figueiredo”, celébrase dende hai 42 anos organizado pola Fundación Padroado do Pedrón de Ouro e foi pensado para que cada edición arribase nun concello diferente, chegando, nesta ocasión, ao de Lalín. Os relatos elixidos son publicados nun libro cada dúas edicións.

Roteiros de Lalín