A MESA LOCAL DE COMERCIO RATIFICOU A ENTRADA DA ASOCIACIÓN DE PRACEIROS, DEFINIU AS ACTUACIÓNS PROMOCIONAIS DO NADAL QUE PASAN POR ACCIÓNS DE HUMANIZACIÓN E DINAMIZACIÓN DAS RÚAS E COLABORACIÓN CO CCA

Reunión da Mesa Local de Comercio
Xoves 1 de Novembro de 2012 - Este órgano colexiado reuniuse na tarde de onte por espazo de dúas horas e media guiado polo interese común de colaborar en tempos difíciles e polo máximo esforzo que se fará desde o Concello, indica María José Batán

Guiados polo interese común de colaborar en tempos difíciles como o actual, os integrantes da Mesa Local de Comercio, baixo a coordinación da concelleira de Actividade Económica, Comercio e Emprego, María José Batán, reuníronse, na tarde de onte na Casa Consistorial para analizar iniciativas en conxunto que sirvan para dar un impulso ao sector nun momento complicado, contando para iso co apoio do Concello de Lalín que fará o máximo esforzo, en palabras da responsable municipal.

Batán explicou que no encontro, dunhas dúas horas e media de duración, ratificouse a entrada da Asociación da Praza de Abastos do Concello de Lalín na Mesa Local de Comercio, ao tempo que se aproveitou para lle dar a benvida por parte da presidencia da Mesa.

A dita Asociación foi constituída en setembro como unha entidade específica, dirixida a potenciar o mercado municipal e participando das campañas da Federación de Prazas de Abastos, pero ao mesmo tempo, plantexouse a conveniencia de traballar de xeito integrado co resto do comercio de Lalín e, por suposto, tamén coa hostalería, coa que se estudará proximamente unha vía de colaboración vía convenio.A idea é establecer sinerxias entre os distintos sectores, de xeito que se potencie o feito de que a hostelería consuma produto do noso comercio, especialmente alimentación e así mesmo os comerciantes faciliten que os seus clientes participen en degustacións ou ben se acheguen aos locais de hostalería, matizou. Ademais os nosos praceiros, na próxima semana presentan o Certame de Debuxo e comezarán a empregar material propio (bolsas) en colaboración coa Federación.

A edila delegada concretou que boa parte da xuntanza a dedicamos a perfilar o groso de actuacións que se realizarán desde o Concello de Lalín entre os meses de novembro a xaneiro, coincidindo coa Campaña de Nadal. Ao respecto anunciou que acordamos facer unha campaña de publicidade; unha campaña promocional que conxugue actuacións que melloren os aspectos de humanización e animación das rúas e, así mesmo se atenderán as actividades propias das festividades do Nadal, a fin de tentar dar un apoio importante ao noso comercio.

A través dos establecementos -apuntou- se desenvolverá unha campaña de publicidade que consistirá na achega de material promocional que os comerciantes poderán entregar aos clientes e tamén se desenvolverán actividades publicitarias noutros soportes co obxectivo de fidelizar e favorecer que os habitantes de Lalín consuman o máximo posible no noso municipio.

A concelleira de Comercio tamén sinalou que as actividades de humanización e animación nas rúas nos días de Nadal e Reis constitúen outro importante eixo da campaña promocional que se desenvolverá.Realizaremos unhas animación na rúa con paxes, entregando caramelos e pequenos agasaios ós nenos, clientes, .. entrando nos establecementos, na datas en torno á celebración de Reis, remarcou.

A isto hai que engadir a luminación de Nadal, con cobertura do máximo número de rúas comerciais e promovendo o aforro enerxético mediante luminarias de tecnoloxía led, subliñou.

Ademais, ao igual que o ano pasado, desenvolveremos a tradicional Cabalgata de Reis en colaboración con Protección Civil e co departamento de Xuventude, para a que solicitaremos a colaboración dos comerciantes e dos establecementos en xeral e das entidades bancarias, apuntou.Convidaremos a participar aos nenos dos colexios e ás asociacións que tradicionalmente, participan e colaboran no desfile e abrirémola tamén á presenza doutros participantes, sinalou.

Neste sentido informou que toda a información de interese para o sector, así como as actuacións máis inmediatas a realizar, estará dispoñible na nova páxina web do Concello.Unha vez programadas as distintas actuacións, presentaranse previsiblemente cara a finais de novembro, concretou.

COLABORACIÓN CO CCA

A confirmación da colaboración do Concello co desenvolvemento da Campaña de Nadal do Centro Comercial Aberto (CCA) foi outro dos asuntos importantes, tratados neste encontro. Unha vez que se establezan as liñas de actuación da campaña da AED confirmarase a fórmula de establecer dita cooperación dende o Concello, para que resulte o máis eficaz posible para todos.

Noutra orde de temas, Batán concretou que, “á proposta dos asistentes, se viu como favorable o feito de poder promover accións conxuntas entre comercio e deportes ou turismo para aproveitar aos grupos de persoas que se desprazan a Lalín a eventos deportivos, ás que se lle podería ofrecer un paquete integral que conteña promocións comerciais. Neste sentido quedamos de trasladarle esta demanda aos responsables das respectivas áreas, precisou.

A reunión contou coa presenza de Rosa María Rivas, representante da Consellería de Economía e Industria; de Julio López e María Jesús García, representantes da AED; Javier Ferreiro de Fórum Urbano; Miguel Rodríguez da Asociación de Profesionais da Praza; Javier Blanco por parte da Agrupación de consumidores; Jorge García e María Pérez, técnicos do Concello de Lalín e a propia concelleira de Comercio, María José Batán.

Por parte da representante da Consellería de Economía e Industria, fíxose constar o apoio que a nivel municipal se presta ao sector comercial en Lalín en relación a outras localidades e á importancia de contar con agrupacións de comerciantes activas neste campo.

Portal Transparencia

Roteiros de Lalín