MÁIS DUNHA TRINTENA DE OFERTAS CONCORRERÁN Á REFORMA E MELLORA DOS LOCAIS SOCIAIS DE PALIO, ZOBRA, NOCEDA E A XESTA

MÁIS DUNHA TRINTENA DE OFERTAS CONCORRERÁN Á REFORMA E MELLORA DOS LOCAIS SOCIAIS DE PALIO, ZOBRA, NOCEDA E A XESTA
Martes 8 de Maio de 2018 - As actuacións nestes centros veciñais sairon a licitación por preto de 100 mil euros, que serán financiados con cargo á Liña 1 do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra. Cuíña salienta que os traballos de acondicionamento responden ás demandas veciñais e permitirán seguir dotando de servizos ás aldeas do municipio.

O Concello de Lalín recibiu máis dunha trintena de ofertas para o proceso de contratación das actuacións de mellora e reforma dos locais sociais de Palio, Zobra, Noceda e A Xesta. Na xornada de mañá está previsto que se celebre a primeira mesa de contratación para adxudicar estes proxectos, que pretenden dar resposta ás necesidades da veciñanza desas parroquias e avanzar na ampliación de servizos aos habitantes do rural de Lalín. Estes proxectos sacáronse a concurso en dous lotes diferenciados. Así, e á espera de que a mesa de contratación valide as propostas, para as actuacións de acondicionamento dos locais de Palio e Zobra presentáronse máis de dez ofertas, mentres que para a reforma dos teleclubs de Noceda e A Xesta está previsto que concorran unhas quince propostas.

Tal e como explica o alcalde, Rafael Cuíña, as obras de reformas destes locais sociais “permitirán seguir avanzando nas actuacións de mellora que vén desenvolvendo o Concello nos últimos tres anos, coa finalidade de incrementar as súas prestacións e ir dando resposta ás propostas formuladas polos veciños e veciñas do rural”. En concreto, o Goberno local ten proxectado un investimento de 100 mil euros nos arranxos nos locais sociais de A Xesta, Noceda, Palio e Zobra. Estas iniciativas vanse executar con fondos da liña 1 do Plan de Concellos da Deputación provincial de Pontevedra.

No caso da centro social de Palio, este está conformado por dúas estancias illadas, a primeira con superficie útil de 20 metros cadrados e a segunda, destinada principalmente a cociña, de 8 metros cadrados. Así, o obxecto principal desta actuación consistirá na ampliación do edificio existente coa unión dos dous espazos dando pé a un aproveitamento óptimo do edificio e o fácil acceso á cociña, que é moi empregada pola veciñanza dadas as frecuentes reunións e actos veciñais nas que se fai uso da mesma. Ao mesmo tempo mellorarase a estética do edificio conferíndolle un aspecto máis racional e acolledor, tanto no interior como no exterior.

Na parroquia de Zobra, o obxecto principal das actuacións a realizar é o de reparar o solado do edificio, que se atopa moi deteriorado por levantamentos que foron provocados posiblemente por cambios bruscos de temperatura. Ao mesmo tempo preténdense instalar reixas exteriores nas fiestras para evitar accesos non desexados que poidan ocasionar danos ou roubos. Estas actuacións son fundamentais para poder utilizar o centros social, posto que na actualidade resulta perigoso o seu uso debido ao risco de caídas provocado polo mal estado das plaquetas do solo.

Por outra banda, as actuacións no local social de Noceda -onde o Concello xa acometeu reparacións interiores este mandato- consistirán basicamente no cambio da cuberta de tella do edificio, pois atópase moi deteriorada polo paso do tempo, con tellas desprazadas e quebradas así como con moita maleza e afundimentos puntuais. Deste xeito, coa substitución do tellado evitarase a entrada de auga ao interior do local evitando así que se produzan danos interiores e permitindo o uso axeitado do local por parte da veciñanza.

En canto o proxecto de mellora no local social de A Xesta, as obras que se propoñen realizaranse maioritariamente no exterior, pois estado xeral da edificación é regular, presentando graves humidades na zona de escaleiras e no remate das chemineas. Tamén se observan desconchados na pintura exterior e falta de enfoscados na zona de escaleiras. Así, as obras a realizar (enfoscados exteriores e acabados mediante pinturas plásticas) son fundamentais para conservar o edificio e permitir o seu uso e desfrute por parte da veciñanza nas mellores condicións.

O alcalde de Lalín salienta a importancia destas actuacións “que reflicten, unha vez máis, o compromiso e o interese do Goberno municipal polo rural e por seguir dotando de servizos as aldeas do municipio”. As obras nos locais sociais son sempre moi agardadas polos veciños e veciñas, motivo polo que o Concello adquiriu o compromiso de executalas, tendo en conta que manter os centros sociais en boas condicións facilita que se enchan de vida e de actividade, contribuíndo así á dinamización sociocultural no rural.

Portal Transparencia

Roteiros de Lalín