MÁIS DE 400 PERSOAS PARTICIPARÁN HOXE NA II CARREIRA SOLIDARIA NOCTURNA ABANCA DAS FESTAS DE LALÍN

MÁIS DE 400 PERSOAS PARTICIPARÁN HOXE NA II CARREIRA SOLIDARIA NOCTURNA ABANCA DAS FESTAS DE LALÍN
Venres 22 de Septembro de 2017 - Trátase dunha proba “bonita, moi vistosa e que garante un gran ambiente nas rúas servindo como “pistoletazo” de saída saudable ás festas patronais”. En total participan 50 persoas menores e adultas con algún tipo de discapacidade.

Máis de 400 persoas daranse cita mañá na II Carreira nocturna solidaria Abanca das festas de Lalín, que organiza o Concello en colaboración con Abanca e a Cruz Vermella. O Concello de Lalín asumiu este ano a organización deste evento deportivo, a pesar da renuncia a última hora do que era o patrocinador principal, tendo en conta o absoluto éxito que tivo esta proba o ano pasado e que nesta edición incluso se aspira a superar. Trátase, como explicou o tenente de alcalde e concelleiro de Deporte, Nicolás González Casares, dunha proba “bonita, moi vistosa e que garante un gran ambiente nas rúas servindo como “pistoletazo” de saída saudable ás festas patronais. Este evento ten, ademais, un compoñente social e solidario, xa que o 90% dos 5 euros que custa a inscrición serán doados á Cruz Vermella de Lalín. Así mesmo, o evento conta con probas destinadas a corredores adultos e infantís con discapacidade, cuxo obxectivo e sensibilizar a poboación sobre a discapacidade e reflectir que todo o mundo pode participar en igualdade nos eventos deportivos.

A carreira dará comezo a partir das 19.00 no entorno do Qm0 coas probas destinadas aos máis pequenos, que percorrerán 4 distancias diferentes segundo a idade: 200 metros para os participantes de 6 a 7 anos; 700 metros, para os que estean entre 8 e 9 anos; 700 metros para corredores entre 10 e 11 anos; e 1.800 metros para a categoría de 12 a 15 anos. Xusto antes da carreira absoluta terá lugar a proba simbólica da discapacidade na que se darán cita parte das 50 persoas adultas e menores con algún tipo de discapacidade. Outros atletas con diversidade funcional participarán na proba absoluta que partirá ás 20.00 horas e terá un percorrido de 6 quilómetros con saída e chegada na Praza da Igrexa.

González Casares mostrouse moi satisfeito co alto número de inscritos, lembrando que mañá, no propio día da carreira, se poderá realizar ata 100 novas inscricións máis no Lalín Arena. O concelleiro de Deporte sostén que o éxito deste evento está novamente garantido e considera que a carreira vai crear un gran ambiente nas rúas para dar inicio a 5 xornadas de festa en Lalín.

Roteiros de Lalín