LALÍN VOLVERASE CONVERTER NUN REFERETE EN DEPORTE COA CELEBRACIÓN DE DIVERSAS PROBAS QUE ATRAERÁN UN GRAN NÚMERO DE PERSOAS AO CONCELLO

LALÍN VOLVERASE CONVERTER NUN REFERETE EN DEPORTE COA CELEBRACIÓN DE DIVERSAS PROBAS QUE ATRAERÁN UN GRAN NÚMERO DE PERSOAS AO CONCELLO
Xoves 11 de Maio de 2017 - Nas próximas semanas celebrarase en Lalín unha proba do Campionato de España de Enduro, o sector de balonmán, o Trail de Vilatuxe, o Campionato escolar de Kung-fu e a Lalín Bike Race.Estas actividades están coorganizadas polo Concello, “o que demostra a gran aposta que fan as concellerías de Deporte para converter os eventos deportivos nun atractivo máis da nosa vila”.

O Concello de Lalín converterase, unha vez máis, nun dos epicentros do deporte galego coa celebración durante as próximas semanas dunha gran cantidade de eventos deportivos de primeira orde coorganizados polo Concello de Lalín e que converterán de novo a capital do Deza nun referente neste tipo de actividades, que serven, ao mesmo tempo, como polo para a atracción de visitantes e a dinamización socioeconómica do municipio.

En primeiro lugar, tal e como apuntan os concelleiros de Deporte, Nicolás González Casares e Miguel Medela, os días 19, 20 e 21, terá lugar a proba do Campionato de España de Enduro que congregará a uns 160 pilotos, entre eles varios campións do mundo. Esta mesma fin de semana o Lalín Arena será a sede da fase zonal do campionato de España de balonmán cadete, no que participarán 4 equipos que chegarán a Lalín acompañados de multitude de persoas. Estes dous eventos organizados polo Club Sobre Rodas e polo Club Balonmán Lalín, respectivamente, contan co apoio decidido do Concello de Lalín.

15 días despois Lalín acollerá unha nova edición do Trail de Vilatuxe, que discorre maioritariamente pola Serra do Candán e que se agarda que congregue a uns 500 participantes, poñendo en valor esta paraxe natural e dándolle vida ás poboacións desta zona. Na segunda semana de xuño a Federación Galega de Kung-fu programa o Campionato Escolar desta disciplina, que tamén terá lugar no Lalín Arena contando cuns 500 participantes, que chegarán á vila acompañados das súas familias e pasarán o día en Lalín. Posteriormente, o 25 de xuño, celebrarase a 2ª edición da Lalín Bike Race, que ademais, nesta ocasión, pasa a ser puntuable para o Campionato Galego de Maratón. Esta competición está coorganizado polo Club Montes do Deza do que forma parte o ciclista Javi Busto e xa foi un éxito absoluto na pasada edición.

En palabras dos titulares de Deporte “este gran número de iniciativas e actividades deportivas que van ter Lalín como sede veñen a demostrar a gran aposta que fai a concellería de Deporte para converter os eventos deportivos nun atractivo máis da nosa vila e nun eixo de dinamización socioeconómico”. Nesta liña destacan “o gran esforzo organizativo que supón para o Concello e os distintos clubs a organización destas probas que non se podería levar a cabo sen a cordinación e o apoio por parte do Goberno”.

González Casares e Medela consideran “evidente” que “Lalín se está a converter nun auténtico referente en Deporte, xa que superamos neste eido a actividade que adoitan ter outros concellos e vilas da categoría de Lalín”. Nesta liña destacan “o gran número de disciplinas diferentes que se practican no municipio e os moitos deportistas de alto nivel que temos”. Os concelleiros móstranse orgullosos de que Lalín destaque en deporte, o que consideran “unha auténtica escola de vida e de cidadanía”. Así mesmo, indicaron que a práctica deportiva é unha garantía de saúde e calidade de vida, polo que é unha prioridade para o goberno.

Roteiros de Lalín