LALÍN SOLICITA QUE A XUNTA MELLORE AS CONEXIÓNS DE TRANSPORTE PÚBLICO ENTRE A ZONA RURAL E A URBANA

LALÍN SOLICITA QUE A XUNTA MELLORE AS CONEXIÓNS DE TRANSPORTE PÚBLICO ENTRE A ZONA RURAL E A URBANA
Luns 16 de Xullo de 2018 - O Concello considera que a oferta actual non se axusta ás necesidades e a demanda real de servizos dos veciños. O tenente de alcalde acudiu esta semana a unha reunión convocada pola a Dirección Xeral de Mobilidade para reordenar servizos, subsanar carencias, optimizar os recursos dispoñibles e conxugar un mellor servizo aos cidadáns. Casares recordou tamén que a inclusión de Lalín no Plan de Transporte Metropolitano de Galicia é unha das principais reivindicacións do Concello

O tenente de alcalde, Nicolás González Casares, acudiu esta semana a unha reunión convocada pola Dirección Xeral de Mobilidade, en Santiago de Compostela, para analizar o plan de transporte público do municipio e propoñer diferentes melloras para reordenar os servizos que se prestan na actualidade aos cidadáns. O Concello de Lalín considera que a oferta existente hoxe en día –tanto en itinerarios, como en frecuencias e horarios- non se axusta ás necesidades e á demanda real da veciñanza, sobre todo no que se refire ás conexións en autobús entre as diferentes parroquias do rural e o casco urbano. Así, dende o Concello de Lalín, tal e como informa o tenente de alcalde, as propostas efectuadas pasan por ofrecer maiores alternativas de desprazamento, tendo en conta factores como a extensión do municipio, a dispersión territorial e o envellecemento da poboación, factores que provoca evidentes dificultades á hora de viaxar.

Nesta liña, Nicolás González Casares apuntou que moitas persoas da terceira idade residentes no rural deben acudir ao centro de saúde con frecuencia e non contan cos servizos adecuados. Porén, as conexións entre o casco urbano e o rural poderían ser melloradas tendo en conta que existen 3 colexios rurais con redes de transporte escolar extensas (Vilatuxe, Prado e Cercio) polo que cabe a posibilidade de establecer novas liñas aproveitando o transporte escolar nos horarios en que están sen uso. En relación coas liñas do rural, Casares tamén trasladou no transcurso da reunión a demanda dunha conexión entre os núcleos de Noceda, Madriñán, Anzo e Losón con Lalín. Neste caso, tal e como traslada a propia veciñanza destas zonas, sería preciso poñer acometer melloras en frecuencias e horarios. Por outra banda, o tenente de alcalde puxo de manifesto as especiais dificultades que sofre a parroquia de Zobra en materia de accesibilidade mediante transporte público. O concello está avaliando a posibilidade de conveniar o transporte en taxi para dar servizo a esta parroquia en días de feira.

Nicolás González Casares tamén explicou que a redución de frecuencias da liña que une Lugo e Vigo provocou a perda de servizos nas parroquias de Botos e Vilatuxe. Neste contexto, reclamóulle á Xunta que na súa nova proposta de ordenación aumente as frecuencias da conexión entre Lalín e Pontevedra, xa que aínda que existe transporte TES+BUS, este non se usa polos horarios inadecuados e pola falta de información ao usuario.

Con este obxectivo, e de maneira xeral, o tenente de alcalde considera “vital” mellorar a información sobre as diferentes frecuencia de transporte, especialmente aos usuarios maiores. Neste sentido valorou como unha posibilidade a realización por parte da Xunta de presentacións públicas a nivel comarcal para conseguir a máxima difusión. Ao mesmo tempo agradeceu a receptividade da Dirección Xeral de Transportes a varias das solicitudes suscitadas polo Concello.

Por último, o tenente de alcalde lembrou que a inclusión de Lalín no Transporte Metropolitano de Galicia é unha das principais reivindicacións do Concello en materia de transporte colectivo de viaxeiros. González Casares recordou que ao longo deste mandato se aprobaron en Pleno, e por unanimidade, mocións para reclamarlle á Xunta a integración de Lalín na Área Metropolitana de Santiago, unha petición que se rexeitou hai pouco máis de un ano. Con todo, o tenente de alcalde insiste en que suporía unha evidente vantaxe para os usuarios de Lalín, moito máis cando se ten en conta que Lalín é unha cabeceira comarcal e que un dos destinos preferentes nos desprazamentos dos nosos veciños e veciñas cando usan o transporte interurbano é Santiago de Compostela. Isto vén motivado por diferentes factores, como pode ser o sanitario (hospital de referencia) o educativo (Universidade Santiago) ou o administrativo (Xunta de Galicia).

Portal Transparencia

Roteiros de Lalín