LALÍN SITÚASE XA ENTRE OS DEZ CONCELLOS MÁIS TRANSPARENTES DE GALICIA

LALÍN SITÚASE XA ENTRE OS DEZ CONCELLOS MÁIS TRANSPARENTES DE GALICIA
Luns 12 de Marzo de 2018 - O Concello ocupa o oitavo posto no índice de transparencia de Dyntra, empatado con Vilagarcía e só superado por Redondela e seis das sete grandes cidades galegas Tomás Vilariño salienta o esforzo que se está a realizar para avanzar neste eido e que xa permitiu pasar do posto 20 ao 8 en menos e dúas semanas. O concelleiro de Novas Tecnoloxías salienta o absoluto cumprimento dos indicadores referentes a transparencia nos ingresos e gastos municipais ou aos procedementos de contratación de servizos. Vilariño tamén resalta o elevado grao de cumprimento na información sobre a organización e o patrimonio do Concello, a información contable e orzamentaria ou a publicación de contratos, convenios e subvencións, todos eles por riba do 60 por cento.

Lalín sitúase xa no top-ten dos municipios máis transparentes de Galicia. En concreto, segundo os últimos datos da plataforma Dyntra, o Concello ocupa agora mesmo o oitavo posto desa clasificación, xusto por diante de Santiago de Compostela, empatado con Vilagarcía de Arousa e só superado por Redondela e por seis da sete grandes cidades galegas. Cómpre salientar que, no conxunto do Estado, Lalín tamén se atopa entre os 100 concellos máis transparentes (ocupando o posto 94), e que é o cuarto municipio máis transparente da provincia de Pontevedra, xunto con Vilagarcía.

Para o concelleiro de Novas Tecnoloxías, Tomás Vilariño, estas cifras poñen de relevo o inmenso esforzo que está a realizar o Goberno para completar e mellorar o acceso dos cidadáns a toda a información relacionada coa actividade municipal. Entre outras medidas, o Concello vén de habilitar na que se está incorporando toda esa información e á que se pode acceder dende un banner situado no lado dereito da portada da web municipal.

Boa mostra das melloras implementadas nesta materia” -indica Vilariño- “constitúeo o feito de que o Concello de Lalín conseguíu ascender unha ducia de postos nos índice de transparencia de Dyntra en menos de dúas semanas, cando se atopaba no posto 20 dos municipios galegos”. Ademais, dende esa data Lalín case conseguíu multiplicar por tres o número de indicadores de transparencia que cumpre, pasando de 27 aos actuais 72, “cunha porcentaxe de cumprimento superior ao 46 por cento, cando hai quince días estaba no 18 por cento”. O edil de Novas Tecnoloxía amósase “moderadamente satisfeito” por estes avances, pero, en calquera caso, agarda que “grazas ao intenso e complexo traballo de incorporación de datos que estamos a realizar a nosa posición se poida mellorar aínda máis nas vindeiras semanas”.

Polo miúdo, Tomás Vilariño salienta o absoluto grao de cumprimento dos indicadores referentes a transparencia nos ingresos e gastos municipais, aos procedementos de contratación de servizos ou aos plans de ordenación urbana e convenios urbanísticos. O concelleiro de Novas Tecnoloxías destaca, ademais, o impulso dado nos últimos días ao apartado de participación e colaboración cidadá, cun cumprimento global de case o 52 por cento, e cun apartado de información e atención ao cidadán que se aproxima ao 64 por cento.

Resalta, por outra banda, o elevado grao de cumprimento na información sobre a organización e o patrimonio do Concello, a información contable e orzamentaria ou a publicación de contratos, convenios e subvencións, todos eles por riba do 60 por cento. Tamén chegan á metade dos indicadores aprobados os apartados de transparencia nas débedas municipais e os anuncios e licitacións de obras públicas.

Portal Transparencia

Roteiros de Lalín