LALÍN PROMOCIONA OS SEUS ENCANTOS NAS ZONAS MÁIS TURÍSTICAS DE GALICIA

LALÍN PROMOCIONA OS SEUS ENCANTOS NAS ZONAS MÁIS TURÍSTICAS DE GALICIA
Mércores 16 de Agosto de 2017 - • A concellería de Turismo remitiu material promocional do municipio a 105 destinos vacacionais estratéxicos • O obxectivo, segundo Francisco Vilariño, é motivar aos turistas destes puntos a achegarse ao noso concello e desfrutar dunha proposta turística diferente e de moita calidade

A concellería de Turismo do Concello de Lalín, dentro das políticas activas para a captación de visitantes, vén de iniciar unha nova campaña de difusión e promoción dos recursos turísticos do municipio. Así o informou o concelleiro, Francisco Vilariño, que explicou que esta nova iniciativa consiste en remitir diferente material divulgativo e promocional do concello a aqueles xeodestinos galegos próximos que contan cun maior potencial turístico. “Trátase” - indicou o edil – “de estar presentes, a través das nosas publicacións, naquelas zonas turísticas estratéxicas de Galicia, coa finalidade de motivar aos turistas destas zonas vacacionais a achegarse ao noso municipio e desfrutar dunha proposta diferente e de moita calidade, que combina á perfección o inmenso valor das nosas paisaxes rurais cos múltiples atractivos urbanos, gastronómicos e culturais”.

En total, o Concello de Lalín remitiu material (rueiros, publicacións sobre paísaxes, castros, Liñares, camiños de Santiago etc.) a 105 destinos que durante esta época do ano viven unha enorme acumulación de visitantes. Os puntos de destino están na zona da Ría de Arousa, Santiago, A Coruña, Mariña lucense, Vigo, Baixo Miño, Pontevedra e comarca, Lugo, Terra Chá, Ferrolterra, Ancares, Ribeira Sacra, Costa da Morte, norte de Portugal e puntos de paso dos Camiños de Santiago. O material divulgativo remitiuse a oficinas de turismo e outros puntos estratéxicos e, no caso dos camiños de Santiago, tamén se depositou en albergues.

Vilariño sinalou que esta campaña “posiciónanse dentro das múltiples medidas activas de promoción turística que está levando a cabo o Goberno de Lalín, dentro dun novo modelo promocional que escapa da pasividade para buscar ao visitante no exterior e alí onde hai máis xente”. Porén, “este programa suporá un evidente salto cualitativo na difusión das riquezas turísticas de Lalín”.

Roteiros de Lalín