LALÍN PON EN MARCHA UN CURSO GRATUÍTO DE PREVENCIÓN NO SECTOR DA CONSTRUCIÓN PARA PERSOAS DESEMPREGADAS

LALÍN PON EN MARCHA UN CURSO GRATUÍTO DE PREVENCIÓN NO SECTOR DA CONSTRUCIÓN PARA PERSOAS DESEMPREGADAS
Luns 28 de Septembro de 2015 - Impartirase para un máximo de 25 persoas con sesións presenciais e outras a distancia. Os interesados poderán presentar as súas solicitudes de inscrición no Rexistro Xera do Concello dende o día 28 de setembro ao 1 do próximo mes. O Concello está comprometido coas políticas activas de emprego e aposta polas accións formativas como unha das medidas máis efectivas coas que mellorar a empregabilidade.

A concelleira de Emprego, Katia Procino, vén de anunciar a convocatoria dun Curso Básico de Prevención na Construción, que impartirá, logo de firmar un convenio co Concello e, de modo totalmente gratuíto, a Fundación Laboral de la Construcción, a través do Organismo Paritario de Prevención en la Construcción.

As clases comezarán o día 6 de outubro e terán lugar na Aula Cemit do Auditorio Municipal. Combinarán sesións de carácter presencial (días 6, 7, 10, e 17 de outubro), con clases a distancia (días 8, 9, 12, 13, 14, 15, 16). En total ofrécense 25 prazas destinadas a persoas en situación de desemprego do Concello de Lalín. O prazo de inscrición comeza o luns día 28 e remata o 1 do próximo mes. Os interesados deben formular a súa solicitude no Rexistro Xeral do Concello de Lalín en horario de 8.30 a 15.00 horas. A listaxe de persoas admitidas farase pública o o día 2 no taboleiro de anuncios do consistorio e na páxina web municipal, www.lalin.org.

Procino fixo un chamamento á participación, xa que como explicou, “a posesión do título de prevención é practicamente imprescindible á hora de acceder a un traballo no sector da construción”. Así mesmo recordou que “calquera demandante que teña dúbidas, ou desexe informarse, acuda ás oficinas do Departamento de Emprego do concello”. Por outra banda, explicou que “o curso se estende ao mundo da construción en todas as súas modalidades, incluída a carpintería e o sector do metal”.

A recuperación do emprego en Lalín é unha prioridade para o Goberno. O Concello está comprometido coas políticas activas de emprego e aposta polas accións de formación profesional como unha das medidas máis salientables coas que mellorar a empregabilidade das persoas desempregadas. Estas accións van dirixidas a facilitar o acceso ao mundo laboral e a inserción no mercado de traballo, en especial a aqueles colectivos sociais máis desfavorecidos pola actual crise económica.

O Concello vén desenvolvendo unha política de apoio aos colectivos e iniciativas implicadas na resolución das problemáticas sociais e aposta por recoñecer o esforzo das entidades e empresas que favorecen a inserción laboral. Neste sentido, Katia Procino agradeceu a boa disposición da Fundación Laboral de la Construcción e recoñeceu a consciencia que tanto a sociedade como o Concello teñen sobre a necesidade de coordinar actividades que promovan a integración laboral.

Portal Transparencia

Roteiros de Lalín