LALÍN POÑERÁ EN MARCHA DURANTE O VERÁN UNHA INTENSA CAMPAÑA DE PROMOCIÓN TURÍSTICA EN DESTINOS GALEGOS COSTEIROS ESTRATÉXICOS

LALÍN POÑERÁ EN MARCHA DURANTE O VERÁN UNHA INTENSA CAMPAÑA DE PROMOCIÓN TURÍSTICA EN DESTINOS GALEGOS COSTEIROS ESTRATÉXICOS
Xoves 7 de Xuño de 2018 - A concellería de Turismo realizará accións específicas de promoción, mediante saídas co posto informativo do Concello a puntos de grande afluencia turística da costa galega. “A finalidade é a de motivar os turistas destas zonas vacacionais a achegarse ao noso municipio e a desfrutar dunha oferta variada e diferente”, explicou Vilariño. A iniciativa busca crear sinerxías entre Lalín e os municipios contactados aproveitando a afluencia e o fluxo de turistas entre os destinos de interior e os de costa.

A concellería de Turismo do Concello de Lalín, dentro das políticas activas para a captación de visitantes, poñerá en marcha durante o próximo verán unha nova campaña de difusión e promoción dos recursos turísticos do municipio. Así o informou o concelleiro de Turismo, Francisco Vilariño, que explicou que esta nova iniciativa consiste en realizar accións específicas de promoción mediante saídas co posto informativo do Concello a puntos de grande afluencia turística da costa galega.

Trátase” -indicou o edil– “de estar presentes, a través do stand de turismo, naqueles destinos estratéxicos de Galicia coa finalidade de motivar os turistas destas zonas vacacionais a achegarse ao noso municipio e desfrutar dunha proposta diferente e de moita calidade”. Non obstante, o concelleiro aclarou que “non se trata só de realizar accións puntuais de promoción, senón que ao mesmo tempo se busca crear sinerxías entre Lalín e os municipios contactados aproveitando a afluencia e o fluxo de turistas entre os destinos de interior e os de costa”.

En total, o Concello de Lalín estará presente en 10 destinos que durante esta época do ano viven unha enorme acumulación de visitantes. Trátase de Vigo, Cangas, Cambados, Ribadeo, A Coruña, Ribeira, Baiona, Vilagarcía, Sanxenxo e O Grove. Xunto co stand informativo desprazaranse técnicos municipais de Turismo que serán os encargados de proporcionarlles información directa a turistas, visitantes e habitantes de cada zona. Así mesmo, o posto irá acompañado de todo o material de promoción e márketing publicado polo Concello, para dar a coñecer da maneira máis eficaz os numerosos e variados recursos que posúe Lalín (natureza, cultura, gastronomía, camiños de Santiago etc.).

Vilariño sinalou que esta campaña “posiciónase dentro das múltiples medidas activas de promoción turística que está levando a cabo o Goberno de Lalín dentro dun novo modelo promocional que escapa da pasividade para buscar ao visitante no exterior e aló onde hai máis xente”. Deste xeito, a iniciativa segue a liña doutras accións promocionais como a realizada o ano pasado de cara a época invernal en cidades e vilas galegas de máis de 20 mil habitantes. “Este programa” -concluíu Vilariño- “suporá un evidente salto cualitativo na difusión das riquezas turísticas de Lalín e estamos seguros de que servirá como eficaz reclamo para atraer visitantes”.

Portal Transparencia

Roteiros de Lalín