LALÍN INCORPORA OS 23 PRIMEIROS TRABALLADORES CONTRATADOS ESTE ANO A TRAVÉS DO PLAN CONCELLOS DA DEPUTACIÓN

LALÍN INCORPORA OS 23 PRIMEIROS TRABALLADORES CONTRATADOS ESTE ANO A TRAVÉS DO PLAN CONCELLOS DA DEPUTACIÓN
Xoves 8 de Xuño de 2017 - O resto dos empregados, ata completar os 37 solicitados, empezarán a desenvolver as súas tarefas nas próximas semanas, unha vez conclúan os procesos selectivos. Os contratos -que se prolongarán ata final de ano- permitirán mellorar a prestación de servizos públicos no Concello. Refórzase de maneira importante a brigada de obras e dáse resposta ás necesidades operativas do Concello. Tamén ofrecen unha oportunidade laboral a desempregados, co que se avanzará no obxectivo de reducir as cifras do paro do municipio.

Os 23 primeiros traballadores que contratou este ano o Concello de Lalín a través da liña 3 do Plan Concellos da Deputación provincial de Pontevedra empezaron a desenvolver hoxe as súas tarefas, unha vez rematados os procesos selectivos que se desenvolveron nas últimas semanas. Os novos empregados asinaron esta mañá os seus contratos, antes de seren recibidos polo alcalde de Lalín, quen salientou a importancia que vai ter a súa incorporación para a mellora da prestación dos servizos públicos no municipio. Rafael Cuíña destacou a importancia que vai ter a súa función, nomeadamente para o reforzo e o incremento da actividade da brigada de obras. En concreto, hoxe empezaron a realizar as súas funcións unha educadora social, unha bibliotecaria, unha técnica en enfermería, dous técnicos informáticos, unha técnica de actividade física e deportiva, tres auxiliares de información turística, un condutor de camión con remolque, un albanel, tres peóns de obras, un peón carpinteiro, catro peóns pintores, tres peóns albaneis e un peón xardineiro.

En total, o Concello vai contratar ao abeiro desta iniciativa a un total 37 traballadores e traballadoras, o que vai supor unha achega de máis de 341 mil euros. O resto dos empregados -entre eles os nove que formarán parte da brigada ambiental- empezarán a realizar as súas funcións nas próximas semanas, unha vez rematen os procesos de selección que xa están en marcha.

Desta maneira, o Goberno de Lalín cubre e reforza as necesidades operativas do concello e, en consecuencia, vai incrementar a cantidade e mellorar a calidade na prestación dos servizos públicos á cidadanía. A elección dos postos de traballo necesarios levouse a cabo de modo acordado entre todos os membros do Goberno e tras analizar as principais necesidades do Concello e dos lalinenses, así como as prioridades de actuación e as carencias de cada servizo. Por outra banda tamén se pon en marcha unha oportunidade para que moita xente poida acceder a un posto de traballo nun momento moi complicado do mercado laboral.

Os contratos terán unha duración aproximada de 7 meses e están destinados a persoas en situación de desemprego, tal e como establecen as bases do programa. Así, o Goberno municipal está a centrar os seus esforzos en desenvolver actividades que melloren a empregabilidade das persoas sen traballo e as súas posibilidades de inserción laboral, o que tamén servirá para avanzar no obxectivo estratéxico de reducir as cifras do paro no municipio.

Roteiros de Lalín