LALÍN INCORPORA AOS 17 PRIMEIROS TRABALLADORES PARA A BRIGADA DE OBRAS CONTRATADOS ESTE ANO A TRAVÉS DO PLAN CONCELLOS DA DEPUTACIÓN

LALÍN INCORPORA AOS 17 PRIMEIROS TRABALLADORES PARA A BRIGADA DE OBRAS CONTRATADOS ESTE ANO A TRAVÉS DO PLAN CONCELLOS DA DEPUTACIÓN
Luns 9 de Abril de 2018 - Desta maneira, refórzase de maneira importante a brigada de obras e dáse resposta ás necesidades operativas do Concello. Foron recibidos polo alcalde e o concelleiro de Emprego. O resto dos empregados, ata completar os 31 solicitados, empezarán a desenvolver as súas tarefas nas próximas semanas, unha vez conclúan os procesos selectivos. Os contratos -que se prolongarán ata final de ano- permitirán mellorar a prestación de servizos públicos no Concello. Tamén ofrecen unha oportunidade laboral a desempregados, co que se avanzará no obxectivo de reducir as cifras do paro do municipio.

Os 17 primeiros traballadores para a Brigada de Obras que contratou este ano o Concello de Lalín a través da liña 3 do Plan Concellos da Deputación provincial de Pontevedra incorporáronse hoxe aos seus postos, unha vez rematados os procesos selectivos que se desenvolveron nas últimas semanas. Os novos empregados asinaron esta mañá os seus contratos, antes de seren recibidos polo alcalde de Lalín e o concelleiro de Emprego, quenes salientaron a mellora da prestación dos servizos públicos no municipio que vai supoñer a súa incorporación. Pola súa banda, o concelleiro de Obras, Francisco Vilariño, destacou a importancia que vai ter a súa función, “nomeadamente para o reforzo e o incremento da actividade da brigada municipal, o que permitirá dar resposta de maneira máis eficiente ás necesidades que nos trasladan os veciños”.

En concreto, hoxe incorporáronse catro peóns de pintura, un condutor de camión, dous condutores de tractor desbrozadora, tres peóns de obras públicas, seis peóns albaneis, e un carpinteiro oficial de primeira. Entre as súas funcións estarán a de relaizar actuacións para a mellora da seguridade viaria e dos peóns, a recuperación de fontes e lavadoiros, a mellora da visibilidade e circulación nas vías e camiños municipais ou a mellora de parques infantís. Estes traballadores súmanse aos outros seis que xa se iniciaron as súas tarafes nos últimos días ao abeiro do Plan Concellos. Así, xa están incorporados tres auxiliares de información turística, un auxiliar informático, un auxiliar administrativo para o departamento de Intervención e unha auxiliar administrativa para o servizo de deportes. O resto dos empregados -ata completar os 31 que se contratarán a través do Plan Concellos- empezarán a realizar as súas funcións nas próximas semanas, unha vez rematen os procesos de selección que xa están en marcha.

En total, o Concello vai contratar ao abeiro desta iniciativa un total 31 traballadores e traballadoras, o que vai supor unha achega de máis de 350 mil euros. A elección dos postos de traballo necesarios levouse a cabo de modo acordado entre todos os membros do Goberno e tras analizar as principais necesidades do Concello e dos lalinenses, así como as prioridades de actuación e as carencias de cada servizo. Deste xeito, decidiuse priorizar no reforzo da brigada de obras e dar continuidade, unha ano máis, a unha brigada ambiental que se dedicará en exclusiva a manter en perfecto estado o paseo do Pontiñas. Ademais, cos novos contratos búscase dar saída ás necesidades de persoal dos servizos xerais. Como novidade incorporarase un filólogo especialista en toponimia solicitado pola concelleira de Cultura, que terá entre as súas funcións investigar as denominacións en determinadas zonas para bautizar rúas que carecen de nome a través da comisión do rueiro.

Os contratos durarán ata final de ano e están destinados a persoas en situación de desemprego, tal e como establecen as bases do programa. Así, o Goberno municipal está a centrar os seus esforzos en desenvolver actividades que melloren a empregabilidade das persoas sen traballo e as súas posibilidades de inserción laboral, o que tamén servirá para avanzar no obxectivo estratéxico de reducir as cifras do paro no municipio.

Portal Transparencia

Roteiros de Lalín