LALÍN FINALIZA UNHA EXITOSA CAMPAÑA DE RECOLLIDA DE PLÁSTICOS DE ENSILAXE CON MÁIS DE 79 TONELADAS ENTREGADAS

LALÍN FINALIZA UNHA EXITOSA CAMPAÑA DE RECOLLIDA DE PLÁSTICOS DE ENSILAXE CON MÁIS DE 79 TONELADAS ENTREGADAS
Luns 17 de Outubro de 2016 - En total acumuláronse 79.120 quilogramos de material, cando as últimas recoleccións non se adoitaban superar as 65 toneladas.

O Concello de Lalín acaba de finalizar unha das campañas de recollida de plásticos de uso agrícola máis exitosas de cantas se realizaron nos últimos anos. Así o demostran os datos facilitados pola empresa que xestiona esta iniciativa impulsada polas concellerías de Actividade Agraria e Medio Ambiente e que deron como resultado a recolección de máis de 79 toneladas de plásticos procedentes da ensilaxe. En total foron 79.120 quilos os depositados nos 26 puntos de acopio habilitados en diferentes parroquias do municipio coa finalidade de facilitarlles aos produtores a entrega do material, nunha campaña que se desenvolveu entre finais de setembro e principios de outubro.

Esta foi a segunda quenda de recollida de plásticos de silo posta en marcha este ano polo Concello, cuxo rendemento valorou “moi positivamente” o concelleiro de Actividade Agraria, Xosé Manuel Hermida. Como explica, en campañas anteriores non se adoitaban superar as 65 toneladas, polo que “a extraordinaria cantidade acumulada nesta ocasión reflicte a importancia de que se ofreza este servizo por parte do Concello”. Nas gandarías prodúcese unha enorme cantidade de desfeitos plásticos procedentes do silo, moi contaminantes e que non se poden depositar en colectores convencionais nin queimar. A complexidade do seu procesamento esixe que este tipo de refugallos sexan xestionados por empresas especializadas. Neste senso, Hermida destaca que a enorme cantidade de plásticos do silo entregados “tamén reflicte unha maior sensibilización por parte dos gandeiros na xestión dos residuos e no coidado do medio ambiente”. Así mesmo insistiu en que “aqueles agndeiros que teñan problemas cos residuos producidos nas súas explotacións se poñan en contacto co Concello para tratar de buscar unha solución, antes de actuar pola súa conta coa posibilidade de cometer unha falta contra o medio ambiente ou a saúde pública, que pode ser sancionada aténdose á ordenanza municipal de medio ambiente”.

Os puntos de depósito onde se acumulou unha cantidade máis relevante de material agrícola foron os de Cercio (10.680kg), Goiás (10.620 kg) e Méixome (10.180 kg). 

Roteiros de Lalín