LALÍN ESTREARÁ ESTE ANO O EVENTO “LUSCO & FUSCO”, UNHA ANOVADORA INICIATIVA QUE APOSTA POLA CULTURA CONTEMPORÁNEA E A RELACIÓN ENTRE A ARTE, O ESPAZO E O PÚBLICO

LALÍN ESTREARÁ ESTE ANO O EVENTO “LUSCO & FUSCO”, UNHA ANOVADORA INICIATIVA QUE APOSTA POLA CULTURA CONTEMPORÁNEA E A RELACIÓN ENTRE A ARTE, O ESPAZO E O PÚBLICO
Luns 12 de Marzo de 2018 - Lara Rodríguez explica que o proxecto suporá “un sopro de aire novo e moderno que tenderá unha nova ponte de convivencia coas novas expresións artísticas no eido da música, a danza e a poesía”. A concelleira de Cultura anuncia que no programa, que se desenvolverá en diferentes venres dos meses de verán, participarán grupos como Malandrómeda ou Fetén Fetén. O Concello vén de solicitar unha achega de preto de 18 mil euros á Deputación para o financiamento desta proposta.

Lara Rodríguez explicou hoxe que a concellería de Cultura organizará por primeira vez durante o vindeiro verán o evento “Lusco & Fusco: venres singulares en Lalín”. “Trátase”, en palabras da edil, “dun proxecto anovador e moi ilusionante que ten como principal obxectivo achegar, divulgar e promover as novas tendencias artísticas entre toda a poboación de Lalín.

En concreto, as propostas para as que está pensado este proxecto van dende a música á danza pasando pola poesía. Así, no “Lusco & Fusco” participarán grupos como Malandrómeda, Fetén Fetén ou Pisando Ovos, ademais doutros, “cuxas propostas e actuacións a bo seguro non pasarán desapercibidas”.

Tal e como explica a concelleira de Cultura, a iniciativa Lusco & Fusco” vaise articular como unha experiencia para os espectadores, incidindo de maneira especial na relación da arte co espazo e tamén co público”. Será, en definitiva, “un sopro de aire novo e moderno que tenderá unha nova ponte de convivencia coa cultura contemporánea.

Lara Rodríguez explica que facendo relación ao subtítulo do programa,Venres singulares, o proxecto LUSCO & FUSCO presenta unha relación de propostas culturais, tamén singulares, que terán lugar nalgúns venres dos meses de xuño, xullo e agosto. Pero non só a proposta será diferente senón tamén o lugar onde se desenvolva. “Para iso”, prosegue a concelleira de Cultura, cada unha das actuacións está pensada para un espazo concreto ao que se adaptará simbióticamente cada peza, facendo un bloque único que lucirá coa chegada do Lusco & fusco.

De maneira específica, cada proposta estará presentada por un artista de Lalín, que conversará durante uns 15 minutos co artista convidado, exercendo de anfitrión e dando a coñecer o sentido e motivo do que se vai ver. A continuación, coa caída do sol, coa chegada do Lusco & Fusco, chegarán sete venres singulares que agardaremos con expectación”.

Para o desenvolvemento desta iniciativa, o Concello de Lalín vén de solicitar unha achega de case 18 mil euros con cargo á Liña 2 do Plan Concellos da Deputación provincial de Pontevedra.

Portal Transparencia

Roteiros de Lalín