LALÍN ENXALZA O SEU ENORME PATRIMONIO CASTREXO E ARQUEOLÓXICO CUNHA NOVA PUBLICACIÓN TURÍSTICA

LALÍN ENXALZA O SEU ENORME PATRIMONIO CASTREXO E ARQUEOLÓXICO CUNHA NOVA PUBLICACIÓN TURÍSTICA
Sábado 8 de Xullo de 2017 - O traballo “Lalín, unha terra de castros” recolle de maneira didáctica, visual e atractiva a localización dos 32 castros catalogados en Lalín, así como outros recursos relacionados co patrimonio e a arqueoloxía Vilariño resalta que estamos ante “unha guía turística e pedagóxica que tamén permite realizar unha viaxe emocionante pola nosa historia, dotarnos de coñecemento e tomar novamente conciencia de todo o potencial que posúe o noso Concello” O concelleiro amosa o seu convencemento de que“vai ser un dos produtos estrela para dar a coñecer o noso Concello, unha publicación que terá permanencia no tempo e formará parte da estratexia global de difusión de Lalín os 12 meses do ano”

Lalín, unha terra de castros. Baixo este título, o Concello de Lalín vén de sacar a luz unha nova publicación turística para enxalzar e promover a enorme riqueza castrexa e arqueolóxica coa que conta o municipio. Trátase dun importante e numeroso patrimonio, que máis alá da súa transcendencia cultural e histórica, tamén supón un interesante atractivo para ofrecerlles aos visitantes e aos propios veciños de Lalín durante os 12 meses do ano.

 

Dende esta perspectiva, o concelleiro de Turismo explicou hoxe que “esta nova publicación, ademais de sinxela, fácil de manexar, visual e moi atractiva, é case unha guía pedagóxica que tamén permite realizar unha viaxe emocionante pola nosa historia, dotarnos de coñecemento e tomar novamente conciencia de todo o potencial que posúe o noso Concello”. Así, Francisco Vilariño indicou que “o que hoxe presentamos e exportamos alén das nosas fronteiras é un produto turístico con diferentes recursos para que a xente visite Lalín e teña un programa moi interesante que levar a cabo”. Incidiu, ademais, en que este traballo permitirá avanzar na estratexia da concellería de Turismo de “dar a coñecer o enorme potencial que Lalín e difundir todo o que se pode ver e visitar no municipio, non só de maneira estacional, senón durante todo o ano”.

 

A publicación –coordinada por Antonio Presas- non só fai un repaso polas características dos castros en Lalín e a súa tipoloxía, senón que –de maneira moi visual e atractiva- recolle en diferentes mapas o emprazamento dos 32 castros catalogados en Lalín e que supoñen o 30 por cento dos 107 que hai na comarca de Deza. A maiores, e como un valor engadido deste produto turístico, a publicación tamén fai un repaso polos lugares onde se poden observar castros estudados en Lalín. Salienta neste apartado, o Museo Casa do Patrón –co seu castro de Doade, onde hoxe se realizou a presentación da publicación- o complexo Castro-Castriño de Bendoiro, o centro Castrodeza ou o Centro de xestión do Coñecemento Arqueolóxico, de Liñares. Con respecto a este último espazo, o concelleiro de Turismo lembrou que existe un acordo plenario –ademais de peticións en diferentes reunións con responsables da Deputación- para que poida albergar pezas do Castriño de Bendoiro e centrarse máis sobre a cultura castrexa de Lalín e a comarca.

 

Pola súa banda, Presas cualificou como “moi importante” un traballo “que se inscribe no proceso xeral de coñecemento e valorización da cultura castrexa da zona”. Neste senso indicou que “o que fai a concellería de Turismo con esta publicación é case un último paso sobre todo o feito con anterioridade –dende os anos 30 do século pasado- para estruturalo e divulgalo, é case o banzo da cima da escaleira que se subiu para realizar todo este proceso”.

 

Esta nova publicación -que se suma ás xa impresas sobre a rede museística, os espazos naturais, o Pazo de Liñares, os Camiños de Santiago, a apicultura ou os espazos urbanos- encádrase dentro da campaña “Lalín un interior único”. Francisco Vilariño indica que este tríptico ten unha tiraxe inicial de 20 mil exemplares e amosa o seu convencemento de que “vai ser un dos produtos estrela para dar a coñecer o noso Concello, unha publicación que terá permanencia no tempo e formará parte da estratexia global de difusión de Lalín tanto en campañas específicas como xerais”.

 

O traballo ten un carácter moi visual, onde prima a fotografía e os mapas, e trátase dun recurso moi manexable debido ao seu tamaño. O documento será distribuído de maneira ampla por diferentes edificios municipais. Tamén pode ser descargado de internet con facilidade e de modo totalmente gratuíto mediante o escaneado do seu código QR. Ademais, estará á disposición de todos os establecementos de Lalín que desexen contar con el ou expoñelo.

Roteiros de Lalín