LALÍN E VILA DE CRUCES ARRANXARÁN PISTAS EN LOSÓN A TRAVÉS DUNHA AXUDA DA XUNTA DE XESTIÓN COMPARTIDA

LALÍN E VILA DE CRUCES ARRANXARÁN PISTAS EN LOSÓN A TRAVÉS DUNHA AXUDA DA XUNTA DE XESTIÓN COMPARTIDA
Mércores 10 de Xaneiro de 2018 - O acondicionamento debe levarse a cabo en accesos que comuniquen os dou municipios. O concello de Vila de Cruces tramitará a subvención e o de Lalín elaborará o proxecto técnico.

O concelleiro de Rural, Miguel Medela, visitou esta mañá xunto co alcalde de Vila de Cruces, Jesús Otero, e técnicos municipais de obras de ambos concellos, as parroquias de Losón (Lalín) e San Pedro (Vila de Cruces), para revisar dúas pistas que unen ambos municipios e que van ser arranxadas acolléndose a unha orde de axudas da consellería de Presidencia destinada á mellora de infraestruturas municipais mediante sistema de xestión compartida. Porén, esta axuda permitirá o arranxo con pavimentación de dous accesos rurais intermunicipais que comunican Lalín e Vila de Cruces. Trátase, como explicou Medela, de dous camiños que actualmente teñen o firme en moi mal estado, pero que, non obstante, son moi transitados, polo que a veciñanza da zona urxe o seu arranxo.

En total, os dous concellos optan a unha axuda de 50.000 euros para financiar este proxecto e deberán aportar de fondos propios a cantidade restante no caso de que o orzamento da obra supere a cantidade subvencionada. Así mesmo, ao tratarse dunha axuda compartida, Lalín e Vila de Cruces repartirán o proceso de xestión da mesma. Neste caso Vila de Cruces tramitará a documentación necesaria para acceder á subvención e Lalín elaborará o proxecto técnico para o arranxo das pistas. 

Roteiros de Lalín