LALÍN E SILLEDA POÑEN EN MARCHA O PROGRAMA “AQUELAR” PARA A PREVENCIÓN DAS CONDUTAS ADICTIVAS

LALÍN E SILLEDA POÑEN EN MARCHA O PROGRAMA “AQUELAR” PARA A PREVENCIÓN DAS CONDUTAS ADICTIVAS
Venres 23 de Febreiro de 2018 - Entre os seus obxectivos están o de loitar contra as adiccións promovendo hábitos saudables, crear unha conciencia social sobre os efectos nocivos do consumo de drogas e incrementar a percepción do risco. O proxecto desenvolverase grazas a unha achega de case 50.000 euros da Consellería de Sanidade. Manuel Cuíña e Nicolás González Casares asinaron hoxe o convenio para o desenvolvemento desta iniciativa.

O alcalde de Silleda, Manuel Cuíña, e o tenente de alcalde de Lalín e concelleiro de Benestar Social, Nicolás González Casares, asinaron esta mañá o convenio de colaboración que permitirá a posta en marcha, de maneira conxunta, dun programa de prevención das condutas adictivas dirixido a mozos e a mozas de ambos municipios. Mediante este acordo, os Concellos de Lalín e Silleda sentan as bases para activar as pautas principais para a execución desta iniciativa de marcado carácter social, que serán concretadas e xestionadas a través dunha comisión mixta que, no prazo máximo de tres meses, definirá o correspondente catálogo de condicións de prestación do servizo. Manuel Cuíña e Nicolás González Casares salientaron que se trata dun claro exemplo de colaboración entre administracións, que ambos concellos trataron de ampliar a outros municipios da zona pero que finalmente non foi posible.

En calquera caso, os obxectivos do programa “Aquelar” serán, en liñas xerais, os de loitar contra as adiccións promovendo hábitos saudables e facilitando recursos de información e orientación, así como promover unha conciencia social sobre os efectos nocivos do consumo de drogas e incrementar a percepción do risco, ademais de desenvolver habilidades e competencias persoais na mocidade de cara a adoptar unha actitude crítica e responsable sobre as adicións.

Esas actividades, que se desenvolverán en ambos municipios, serán semellantes ás que xa puxo en marcha o Concello de Lalín durante todo o 2017 e que incluíron un programa de prevención das adiccións que contemplou accións como talleres que se impartiron nos centros de ensino e múltiples propostas e actividades destinadas a familias, a mozos e mozas, á comunidade educativa, á comunidade sociodeportiva e á poboación en xeral. Entre as actividades deste programa desenvolvido nos últimos meses destaca a iniciativa “Lalín coa mocidade”, un proxecto con multitude de actividades dirixidas a mozos e mozas de entre 12 e 30 anos que incluíu actividades lúdicas, deportivas e informativas, entre outras. Tamén destaca a realización de enquisas entre o estudantado para coñecer polo miúdo as tendencias e os hábitos en relación cos trastornos adictivos dos adolescentes de Lalín.

O programa “Aquelar” será posto en marcha grazas a unha achega económica de 49.621 euros da Consellería de Sanidade. A aportación cubrirá o 93% dos gastos totais da iniciativa, debendo abonar Silleda e Lalín o 7% restante. Ademais, a axuda servirá para contratar os servizos dun educador ou educadora social que será a persoa encargada de coordinar e dirixir o programa. 

Portal Transparencia

Roteiros de Lalín