Lalín contará con dous novos cursos de formación ocupacional

Mércores 25 de Xullo de 2012 - Indica que se trata dun curso de operacións de fontanería e calefacción-climatizacón doméstica e doutro de instalacións de elementos de carpintería

A Concellería de Actividade Económica, Comercio e Emprego do Concello de Lalín desenvolve anualmente o programa municipal de formación ocupacional, na aposta polas políticas activas de emprego, como vía fundamental para conseguir un incremento das competencias profesionais, da empregabilidade e das posibilidades e inserción laboral das persoas traballadoras desempregadas. 

Neste ano 2012 o departamento municipal que dirixe María José Batán desenvolverá dous novos cursos de formación profesional ocupacional, segundo a comunicación que a xefatura territorial da Consellería de Traballo e Benestar vén de comunicar ao Concello de Lalín, ao abeiro da orde reguladora das accións formativas dirixidas de xeito prioritario aos traballadores desempregados. 

Batán afirma que “se trata concretamente dun curso de operacións de fontanería e calefacción-climatización doméstica e doutro de instalacións de elementos de carpintería, cunha subvención total de 148.813,90 euros”. “É importante poder contar con estes dous novos cursos de formación ocupacional en Lalín, máis aínda na actual conxuntura de restricións, pois permitirannos seguir dando pasos orientados á inserción laboral dos/as lalinenses; por iso valoramos moi positivamente a concesión destas dúas accións formativas por parte da Consellería de Traballo”, engade. 

O curso de operacións de fontanería e calefacción-climatización doméstica, cunha axuda de 77.569,70 euros, ten unha duración de 558 horas. “O obxectivo principal que se pretende con este programa ocupacional é capacitar ás persoas participantes na instalación, montaxe e mantemento de aparatos sanitarios, de calefacción e climatización”, indica Batán. “É un curso de cualificación profesional 1, polo que os participantes non precisan acreditar estudos ou formación previa”, sinala. 

“Para o segundo dos cursos, o de instalacións de elementos de carpintería, os participantes si deberán acreditar titulación en ESO ou formación equivalente segundo a normativa vixente a estes efectos ou ben ter aprobadas as competencias de lingua castelá, lingua galega e matemáticas”, informa a edila. 

“Cunha duración de 578 horas e unha subvención de 71.244,20 euros ten como obxectivo capacitar aos participantes na realización das operacións de planificación, montaxe, axuste e acabado de elementos de carpintería como portas, fiestras, revestimentos, armarios e estruturas de madeira, etc.”, subliña. 

A concelleira delegada de Emprego precisa que “ambas as dúas accións formativas están incluídas no novo repertorio nacional de certificados de profesionalidade”. Os certificados de profesionalidade son a acreditación da cualificación profesional expedida pola administración, teñen carácter oficial e validez en todo o estado e ademais garanten a capacidade para o desempeño dunha actividade laboral. 

MÓDULO DE FORMACIÓN PRÁCTICA 

Batán puntualiza que “estes novos certificados profesionais incorporan no desenvolvemento do propio curso un módulo de formación práctica en centros de traballo de 80 horas no curso de fontanería e de 180 no de carpintería”. 

“Os cursos inclúen, como vén sendo habitual, formación transversal non específica da especialidade; nesta ocasión destaca o módulo básico de de 60 horas de duración en ambos os dous casos, unha formación requirida polas empresas para a incorporación de traballadores”, afirma. 

SELECCIÓN DE PERSOAS CANDIDATAS 

A selección de alumnos/as participantes terá lugar os días 9 e 10 de agosto. Dará comezo nestas dúas xornadas ás 10.30 horas, no edificio do Concello. As persoas interesadas poden realizar a súa solicitude canto antes na Oficina de Emprego de Lalín, de onde remitirán ao Concello os/as candidatos/as para o proceso de selección. Para consultas ou máis información deberán dirixirse ao servizo de Emprego do Concello. 

O número máximo de persoas por curso é de 15. A listaxe de candidatos/as seleccionados/as poderase consultar no taboleiro de anuncios do Concello desde o día 10 de agosto pola tarde. A data prevista de inicio destas actividades formativas é a mediados do mes de agosto e a duración estímase en torno a 3 meses e medio cada un. 

O Concello de Lalín ten desenvolto en anos anteriores cursos homologados sobre estas dúas materias. Así a última edición do curso de fontanería se realizou no ano 2008 e a de carpintería fíxose no ano 2009. 

Portal Transparencia

Roteiros de Lalín