LALÍN COMPLETA O PLANTEL DA BRIGADA DE OBRAS INCORPORANDO A 4 NOVOS OPERARIOS AO ABEIRO DO PLAN DE CONCELLOS DA DEPUTACIÓN

LALÍN COMPLETA O PLANTEL DA BRIGADA DE OBRAS INCORPORANDO A 4 NOVOS OPERARIOS AO ABEIRO DO PLAN DE CONCELLOS DA DEPUTACIÓN
Mércores 11 de Abril de 2018 - Francisco Vilariño, que hoxe mantivo unha reunión co grupo ao completo, puxo de manifesto a importancia que vai ter este corpo para a mellora da prestación dos servizos públicos no municipio. O encontro serviu para presentar oficialmente ao que vai ser o novo xefe da brigada, Jorge Vilariño, que sucede a Ramón Galego, quen se incorpora á inspección de obras. Vilariño expresou o seu “rotundo agradecemento a Galego pola súa excelente labor” e mostrou a súa “plena confianza no no novo coordinador”. O Goberno aposta por dedicar a máxima contía económica que permite a Deputación á contratación de empregados para cubrir as necesidades operativas e mellorar a empregabilidade.

O concelleiro de Obras, Francisco Vilariño, mantivo esta mañá unha reunión de coordinación cos operarios da brigada municipal de obras, que xa está completa, logo de incorporarse hoxe 4 novos operarios. Estes contratos -efectuados ao abeiro da liña 3 do Plan de Concellos da Deputación de Pontevedra- súmanse aos 17 traballadores que xa comezaron a desempeñar a súa labor no Concello a principios deste semana.

A reunión tamén serviu para que o edil lle presentase de maneira oficial aos presentes ao que vai ser o novo xefe deste corpo municipal. Trátase de Jorge Vilariño Silva, que sucede a Ramón Galego como responsable da Brigada. O cambio prodúcese tras solicitar Galego a súa incorporación á praza que ten asignada no Concello como inspector de obras nunha decisión persoal a nivel laboral que, como apuntou Vilariño, “se respecta absolutamente”. É máis, o concelleiro aproveitou o encontro para expresarlle o seu “rotundo agradecemento e total gratitude pola súa magnífica labor durante o tempo no que se mantivo como encargado da brigada”. Francisco Vilariño puxo de relevo a “dimensión e relevancia que adquiriu a brigada de Obras dende a toma de posesión do actual goberno e baixo a dirección de Ramón Galego”, a quen cualificou como “unha persoa traballadora, meticulosa, dilixente e resolutiva, sempre operativa e disposta a sacar adiante con axilidade as actuacións solicitadas en beneficio dos veciños e veciñas”. “Proba deste bo labor” -sostén- “son as intervencións realizadas pola brigada nos últimos anos, tanto no rural como no casco urbano, coa execución de traballos diarios nas diferentes parroquias, de importantes actuacións de mellora da accesibilidade e a mobilidade, no mantemento do mobiliario urbano de Lalín, ou facendo que o Pontiñas presente o mellor estado de conservación das últimas décadas”. A pesar da incorporación á súa nova praza, “Ramón Galego permanecerá estreitamente vinculado á brigada de obras, prestando, grazas á súa enorme experiencia, axuda e asesoramento cando sexa preciso”.

Tras darlle as grazas ao anterior encargado, o titular de obras deulle a benvida ao novo xefe, Jorge Vilariño, en quen dixo “depositar a súa absoluta confianza, pois a pesar de ser unha persoa nova xa demostrou con creces a súa capacidade no tempo que leva no Concello para desempeñar a súa nova responsabilidade municipal ao servizo da cidadanía”.

Os novos obreiros asinaron hoxe o seu contrato laboral que os vinculará ao Concello de Lalín ata final de ano e comezarán a desenvolver os seus servizos no día de mañá. En concreto, son 4 novos operarios de xardinería que conformarán a denominada brigada ambiental, que se encargará, entre outras cuestións, do coidado permanente do Paseo do Pontiñas. Francisco Vilariño destacou a importancia que vai ter a súa función, “nomeadamente para o reforzo e o incremento da actividade da brigada municipal, o que permitirá dar resposta de maneira máis eficiente ás necesidades que nos traslada a veciñanza”. Como explicou, o servizo municipal de obras apenas conta con persoal fixo, “polo que a oportunidade que nos brindan os plans da Deputación para realizar estas contratacións é absolutamente fundamental, principalmente para a brigada, que aumentará notablemente a súa actividade e poderá dar resposta a moitas necesidades”. É por iso polo que o Goberno aposta por dedicar a máxima contía económica que permite a Deputación dentro deste plan á contratación de empregados. En consecuencia, ademais de cubrir e reforzar as necesidades operativas do Concello, increméntase a cantidade e mellórase a calidade na prestación dos servizos públicos. Ao mesmo tempo, estes contratos melloran a empregabilidade das persoas sen traballo e as súas posibilidades de inserción laboral, o que tamén servirá para avanzar no obxectivo estratéxico de reducir as cifras do paro no municipio.

Portal Transparencia

Roteiros de Lalín