LALÍN CELEBRA O DÍA 10 A PRIMEIRA FEIRA “SE É DE LALÍN É BO”

LALÍN CELEBRA O DÍA 10 A PRIMEIRA FEIRA “SE É DE LALÍN É BO”
Martes 5 de Septembro de 2017 - Esta iniciativa ten o obxecto de promocionar e poñer en valor os produtos locais de primeira calidade. A feira terá lugar o segundo domingo de cada mes ata final de ano.

Onte presentouse no Concello a primeira feira de produtos locais “Se é de Lalín é bo”, organizada polo Concello de Lalín. Na comparecencia participaron o alcalde, Rafael Cuíña, o tenente de alcalde, Nicolás González Casares, e tamén estivo presente o futuro concelleiro de Comercio, José Manuel Fernández. Así mesmo achegáronse ao acto os produtores que participarán nesta primeira feira “Se é de Lalín é Bo”: Licores Pousa, Kelekoi, Cooperativa Hoxe, Lalín elaborados cárnicos Emdeza, Panadaría da Morena, Mel Pájaro, Dona Cobiña-Cobideza, Ángela Frutas e Hortalizas, Produtos ecolóxicos Octavio Daparte e José Ramón Vilela (Panadaría e confitería).

Esta iniciativa ten o obxecto de promocionar e poñer en valor os produtos locais de primeira calidade. A feira terá lugar o segundo domingo de cada mes, tendo lugar a primeira o día 10 de setembro. A feira celebrarase na rúa Joaquín Loriga, coincidindo coa peonalización que se fai deste vial as fins de semana. O Concello pon a disposición dos interesados as 10 carpas patrocinadas por Espina&Delfín e que dende hai unhas semanas xa se utilizan no mercado tradicional dos sábados dándolle unha maior vistosidade ao evento.

Como explicou Rafael Cuíña, este proxecto pretende poñer en valor a altísima calidade do produto feito en Lalín e, ao mesmo tempo, dinamizar a actividade comercial e social dos domingos na vila. O mercado daralle visibilidade ás nosas mellores producións que contan, ademais, co acicate do comercio de proximidade que nos beneficia a todos.

Roteiros de Lalín