A LALÍN BIKE RACE PROTAGONISTA NO CANDÁN ESTA FIN DE SEMANA, CON PRETO DE 220 PARTICIPANTES

A LALÍN BIKE RACE PROTAGONISTA NO CANDÁN ESTA FIN DE SEMANA, CON PRETO DE 220 PARTICIPANTES
Xoves 22 de Xuño de 2017 - Esta serra é o escenario perfecto para este tipo de actividades deportivas, que ao mesmo tempo serven para pór en valor e dar a coñecer este este espazo de enorme importancia paisaxística e natural. Esta é a 6ª proba deportiva que se celebra en Lalín en pouco máis dun mes, convertendo o municipio nunha referencia neste ámbito.

A Lalín Bike Race 2017, organizada polo Club Ciclista Montes do Deza e La Gramola Extol-Team, en colaboración Concello, congregará este domingo en Lalín e, en particular, na Serra do Candán, a 218 ciclistas que non quixeron deixar pasar a oportunidade de competir nesta proba de referencia no calendario BTT. Entre os deportistas atópanse os mellores ciclistas de montaña do actual panorama, entre eles o local Javi Busto, que aspira a revalidar o título conseguido o pasado ano. As expectativas cumpríronse e o número de inscritos superou o da primeira edición con máis de 200 ciclistas, tal e como se agardaba.

O concelleiro de Deporte, Nicolás González Casares, gabou a espectacularidade e a fermosura desta competición que aspira a consolidarse. Nesta liña indicou que a Serra do Candán, “un dos nosos maiores tesouros naturais, é o escenario perfecto para este tipo de actividades deportivas, que ao mesmo tempo serven para pór en valor e dar a coñecer este este espazo de enorme importancia paisaxística e patrimonial, servindo como eixe dinamizador do municipio”. Porén, animou aos lalinense que non compitan a achegarse a desfrutar da carreira e dar folgos aos competidores. Do mesmo xeito lembrou que a Lalín Bike Race -que ademais, nesta ocasión, pasa a ser puntuable para o Campionato Galego de Maratón- é a 6ª competición deportiva coorganizada polo Concello que se celebra en Lalín en pouco máis dun mes, convertendo municipio nunha referencia no ámbito deportivo, o que serve, ao mesmo tempo, como polo para a atracción de visitantes e para a dinamización socioeconómica do municipio.

A Lalín Bike Race conta con 2 distancias, unha ruta longa de 80 quilómetros e unha curta de 70. A hora de saída está fixada para as 09.30 horas no centro comercial Pontiñas-Gadis.

Roteiros de Lalín