LALÍN AVANZA NA POSTA EN MARCHA DUNHA NOVA APLIACIÓN DIXITAL PARA MELLORAR A XESTIÓN, A LOCALIZACIÓN E A RESOLUCIÓN DE DEFICIENCIAS

LALÍN AVANZA NA POSTA EN MARCHA DUNHA NOVA APLIACIÓN DIXITAL PARA MELLORAR A XESTIÓN, A LOCALIZACIÓN E A RESOLUCIÓN DE DEFICIENCIAS
Luns 27 de Agosto de 2018 - González Casares puxo de relevo a utilidade que alcanzará esta nova ferramenta, que permitirá mellorar e axilizar os servizos de atención públicos que ofrece o Concello de Lalín. Esta iniciativa está incluída no Obxectivo Temático número 2 da estratexia Lalín Ssuma 21.

O tenente de alcalde, Nicolás González Casares, anunciou hoxe que o Concello de Lalín vén de publicar na plataforma de contratacións do Estado o prego de cláusulas técnicas para o desenvolvemento e implementación dunha ferramenta TIC por un prezo máximo de contrato de 10 mil euros para o mapeo e xestión de deficiencias. Avánzase así na posta en marcha dunha das iniciativas incluídas no Obxectivo Temático número 2 da estratexia Lalín Ssuma 21 cofinanciado nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) mediante o Programa Operativo de Crecemento Sostible (POCS) 2014-2020). O mencionado obxectivo temático persegue, en amplo senso, fomentar o desenvolvemento e o acceso ás TIC, entre outras cuestións, co fin de mellorar a prestación de servizo públicos e a relación da administración coa cidadanía.

Como apunta González Casares, o Concello de Lalín, para mellorar a xestión das diferentes incidencias ou deficiencias que se poden atopar ao longo do termo municipal, pretende desenvolver unha aplicación para o seu reporte e xestión que tamén permita xeolocalizalas co fin de poder telas ordenadas e poder xestionalas eficazmente para a súa resolución. Por tanto, o programa que se pretende implantar permitirá o seguimento das incidencias creadas tanto polos usuarios externos como polos internos, tendo xeolocalizadas as incidencias e os grupos asignados que as atenden con datos estatísticos para poder xestionar a lista de prioridades de arranxo e, en definitiva, poder manter un control exhaustivo de todos os contratempos que se agreguen á aplicación. Ademais, a ferramenta establecerá unha canle inmediata de comunicación entre os usuarios que reporten calquera incidencia e o persoal técnico encargado de solucionalas.

A plataforma para o reporte será accesible a través de calquera navegador web e dende calquera dispositivo, xa sexa un ordenador ou un dispositivo móbil. Tamén será válida para calquera tipo de plataforma informática (Windows, Linux, Macox) e terá que ter aplicación para iOS e Android despregada nas plataformas de descarga baixo a forma individual para o Concello de Lalín e cunha icona representativa.

Dentro da aplicación existirán diferentes roles de usuario con distintos permisos par ao acceso á plataforma entre os que, como mínimo, se habilitarán administradores, persoal municipal encargado da xestión das incidencias e persoal técnico do Concello ou externo encargado de solventalas.

Entre outras cuestións relativas ao funcionamento, o sistema xeolocalizará cada contratempo enviado por un usuario e notificará o reporte do mesmo aos usuarios que foron designados en función da categoría do mesmo. Dende a plataforma de xestión poderase realizar un seguimento das incidencias e ante a posibilidade de que varios usuarios reporten unha relativa ao mesmo tema existirá a posibilidade de agrupalas e deste xeito xestionala como se fose unha soa.

O tenente de alcalde puxo de relevo a utilidade que alcanzará esta nova ferramenta tendo en conta que o concello de Lalín presenta actualmente unha importante dificultade á hora de dar resposta ás diferentes deficiencias e necesidade sque se presentan tanto no casco urbano como nas 52 parroquias do extenso territorio municipal. Por iso -explica- esta aplicación permitirá mellorar moi considerablemente os servizos de atención públicos que ofrece o Concello de Lalín acortando os tempos de xestión e solución de cada deficiencia, incrementando a eficiencia e mellorando a satisfacción dos cidadáns de Lalín.

Portal Transparencia

Roteiros de Lalín