LALÍN APOSTA POLA MÁXIMA TRANSPARENCIA NA EXECUCIÓN DOS CONTRATOS MENORES DA ESTRATEXIA LALÍN SSUMA 21

LALÍN APOSTA POLA MÁXIMA TRANSPARENCIA NA EXECUCIÓN DOS CONTRATOS MENORES DA ESTRATEXIA LALÍN SSUMA 21
Martes 6 de Marzo de 2018 - O Concello pon en marcha unha serie de condicións especiais para que calquera empresa poida presentar ofertas e optar ás adxudicacións. González Casares anuncia que se vén de publicar o primeiro contrato menor nunha plataforma do Estado, neste caso por 12 mil euros e relativo á asistencia técnica para o Plan Concilia Lalín. Este procedemento tamén serve para realizar un chamamento ás entidades para que estean pendentes das plataformas de contratación e se doten dos medios electrónicos necesarios para poder participar.

O Concello de Lalín pon en marcha un conxunto de condicións especiais para a execución dos contratos con empresas que opten a contratos menores dentro da estratexia financiada con fondos europeos FEDER, Lalín Ssuma21. Así, realizarase un procedemento aberto para a súa execución, permitindo que calquera empresa capacitada poida presentar ofertas. Estas medidas explícitas para esta cuestión, tal e como explicou o tenente de alcalde, Nicolás González Casares, van encamiñadas a dotar da máxima transparencia e execución deste tipo de contratos que non contan cunha regulación tan detallada dende o punto de vista administrativo. Ademais, póñense en marcha pola vontade do Goberno de ofrecer a máxima transparencia, xa que as esixencias en materia de contratación das estratexia DUSI non especifican a obrigatoriedade de activar este tipo condicións especiais de contratación para os contratos menores.

Así, González Casares anuncia que o Concello de Lalín vén de publicar por primeira vez na historia un contrato menor na plataforma de contratos do estado. Deste xeito, a contratación non se realiza mediante a solicitude de orzamentos a diferentes empresas, fórmula habitual que se emprega nestes contratos, senón que se dá a posibilidade de que calquera empresa presente ofertas de xeito aberto a través do rexistro municipal en sobre pechado e nos prazos establecidos para cada procedemento. Esta -explica o tenente de alcalde- vai ser atónica xeral que se vai seguir para a tramitación destas contratacións excepto daqueles servizos de máis pequena contía, en aras da máxima transparencia. Concretamente, o anuncio de licitación corresponde á contratación dos servizos dunha asistencia técnica para estudos de necesidade e implantación do plan Concilia Lalín incluído na estratexia Lalín Ssuma21. O importe do contrato é de 12.000 euros.

Por outra banda, Nicolás González Casares, explica que este procedemento tamén serve para realizar un chamamento ás entidades para que estean pendentes das plataformas de contratación do Estado e se doten dos medios electrónicos para poder participar, xa que así o esixe a nova Lei de Contratos do Estado que entrará en vigor o vindeiro día 9.

Portal Transparencia

Roteiros de Lalín