LALÍN ALCANZA CIFRAS RÉCORD DE AFLUENCIA DE PEREGRINOS DURANTE OS MESES DE XUÑO, XULLO E AGOSTO

LALÍN ALCANZA CIFRAS RÉCORD DE AFLUENCIA DE PEREGRINOS DURANTE OS MESES DE XUÑO, XULLO E AGOSTO
Luns 11 de Septembro de 2017 - O pavillón municipal acolle a 1.275 romeiros, que se suman aos máis de 2.000 que se hospedaron no sector privado e aos 974 que o fixeron no albergue de A Laxe. A súa procedencia é moi dispar, chegando dende distintos puntos da xeografía galega e española e mesmo doutras partes de Europa. Francisco Vilariño valora moi positivamente estes datos, que teñen que ver, entre outros factores, cos esforzos do Goberno para potenciar as rutas xacobeas. O concelleiro de Turismo salienta que o traballo do Goberno para seguir atraendo peregrinos continuarán con diferentes iniciativas, entre as que se atopa o proxecto para crear un albergue no centro da vila.

O tránsito de peregrinos polo Concello de Lalín, municipio atravesado por dúas rutas xacobeas (Ruta da Prata e Camiño de Inverno), é unha constante durante todo o ano que se intensifica nos meses de verán. O Concello de Lalín pon á súa disposición o pavillón municipal, que se converte en centro de pernoctación para centos de visitantes que recalan en Lalín no seu camiño a Santiago, procedentes de diferentes puntos da xeografía galega, española ou doutras partes de Europa. Pero máis aló daqueles que se aloxan nesta instalación, tamén son moitos os que se apousentan nas diferentes hospedaxes e albergues do municipio.

O concelleiro de Turismo, Francisco Vilariño, puxo de manifesto hoxe “o significativo aumento” dos peregrinos que durante os meses de xuño, xullo e agosto chegaron a Lalín e fixeron uso tanto do polideportivo como doutros aloxamentos, deixando cifras de récord de afluencia con respecto a anos anteriores.

Como informou o edil, en total son 1.275 os romeiros que durante estes tres meses pasaron polo pavillón. En concreto, durante o mes de xuño fixeron uso desta instalación 220 peregrinos chegados en dous grupos, os días 25 e 29, procedentes de Badaxoz e México. Pola súa parte, xullo foi un mes de enorme afluencia, rexistrando 650 pernoctacións de visitantes chegados dende puntos como Badaxoz, Córdoba, Sevilla, Madrid e de diferentes partes de Galicia. Durante este mes o pavillón foi empregado por peregrinos un total de 12 días, en concreto, as xornadas do 3, 4, 6, 8, 9, 10, 12, 18, 19, 24, 25, e 26 de xullo. Agosto foi outro mes de constante paso de peregrinos pola capital do Deza, con 405 persoas que se aloxaron no pavillón, procedentes da cidade italiana de Verona, de Portugal ou Valencia. As cifras dispáranse as rexistradas noutros veráns, como, por exemplo, o de 2015, onde se rexistraron 273 peregrinos neses tres meses.

Ademais e, tras consultalo dende a concellería con responsables de diferentes aloxamentos e coa Asociación de Amigos dos Camiños de Santiago por Lalín e Deza, calcúlase que o sector privado acubillou durante estes tres meses a máis de 2.000 peregrinos. Entre eles estaban membros de grupos que pernoctaron varios días en Lalín, xa que tomaron como base a nosa localidade para coñecer o concello e a comarca ou pola situación xeográfica do municipio, que lles permite facer diferentes etapas do camiño.

A estas cifra hai que sumarlle tamén a dos romeiros que pernoctaron no albergue de A Laxe, agora xestionado pola Xunta. Neste caso nos meses de xuño, xullo e agosto de 2017 pasaron por estas instalacións 974 persoas, o que supón 22 máis que no mesmo período do ano anterior. Polo miúdo, este ano, en xuño, rexistráronse 349 peregrinos (15 máis que en 2016), en xullo 299 (17 máis que en 2016) e en agosto 326 (10 menos que o ano anterior). O descenso que se produce no mes de agosto é moi doado de entender pola semana na que a Xunta mantivo pechado o albergue da Laxe.

O concelleiro de Turismo mostrouse “moi satisfeito” cuns datos, que segundo di, “amosan a potencialidade que para Lalín teñen as rutas xacobeas como eixo de atracción de visitantes e, polo tanto, como factor dinamizador económico e social”. Francisco Vilariño ligou estas cifras “tan positivas, entre outros factores, aos esforzos da concellería para poñer valor e dar a coñecer os camiños de Santiago que atravesan Lalín”. Nesta liña lembrou que o Goberno vén traballando con intensidade para potenciar o turismo en Lalín en base ás rutas xacobeas “porque o noso concello non é só Cocido e ten moitas posibilidades tamén en torno aos camiños de Santiago, que son un elemento dinamizador do turismo, a cultura e o patrimonio”. Ao fío disto destacou a publicación por parte do Concello de publicacións en varios idiomas sobre os camiños de Santiago, ou o traballo para impulsar o Camiño de Inverno, coordinando a colocación de sinaléctica ou encabezando reunións entre concellos coa finalidade de dinamizar a citada ruta. Finalmente fixo referencia a que os esforzos do Goberno para seguir atraendo peregrinos continuarán con diferentes iniciativas, entre as que se atopa o proxecto para crear un albergue no centro da vila. En concreto sinalou que as actuacións para acondicionar o antigo Manuel Rivero terán inicio no segundo semestre do próximo ano.

Roteiros de Lalín