LALÍN ACTIVA UN PLAN DE BECAS E AXUDAS PARA MOZOS CO OBXECTIVO DE APOIAR O TALENTO LOCAL E LOITAR CONTRA O DESPOBOAMENTO

LALÍN ACTIVA UN PLAN DE BECAS E AXUDAS PARA MOZOS CO OBXECTIVO DE APOIAR O TALENTO LOCAL E LOITAR CONTRA O DESPOBOAMENTO
Luns 22 de Maio de 2017 - O Plan Talento contempla un investimento de preto de 60 mil euros para este ano, 12 mil de fondos propios e o resto subvencionado con fondos europeos FEDER. O orzamento previsto para esta iniciativa nos vindeiros catro anos ascende a 226 mil euros. A iniciativa, que favorecerá a estudantes e emprendedores, inclúese dentro da estratexia DUSI Lalín SSUMA 21.

O Goberno de Lalín vai activar este ano o denominado Plan Talento, un programa de becas e axudas destinadas a xente nova e co que se pretende acadar tres obxectivos: reter o talento local, facilitar o retorno do talento a Lalín e fortalecer as iniciativas de xoves emprendedores. O tenente de alcalde, Nicolás González Casares, indica ademais que “a posta en marcha deste plan tamén permitirá loitar contra a emigración dos máis novos e, en consecuencia, fixar poboación e favorecer o mantemento demográfico en Lalín”.

Con esta filosofía, a concelleira de Educación, Lara Rodríguez, explica que o Plan Talento inclúe becas e axudas para apoiar o óptimo desenvolvemento educativo –mediante a realización de másters ou doutorados- de aqueles estudantes que teñen bos expedientes académicos. Tamén se habilitarán becas cunha duración de entre 6 e 12 meses para desenvolver traballos no Concello relacionados co talento desas persoas. Nunha segunda fase, que está previsto que se desenvolva entre 2018 e 2019, tamén se activarán incentivos e axudas para apoiar os proxectos de emprendedores locais con ideas empresarias innovadoras en sectores que se consideren estratéxicos para o futuro de Lalín. Para o desenvolvemento destes eixes apostarase pola necesaria a coordinación entre o Concello, os axentes sociais, os axentes educativos e os axentes de innovación.

O Plan Talento é unha das liñas de actuación que se inclúen dentro da estratexia DUSI Lalín SSUMA 21, mediante a cal o Concello de Lalín recibirá nos vindeiros anos 5 millóns de euros de fondos europeos FEDER para o desenvolvemento de diferentes iniciativas. En concreto, o concelleiro de Urbanismo indica que o Plan Talento -que se executará nos vindeiros catro anos- ten previsto un orzamento total de 226 mil euros, que estarán co-financiados nun 80 por cento polos fondos FEDER. Para activar o programa de becas e axudas, este ano vanse investir preto de 60 mil euros, dos que o Concello terá que poñer un total de 12 mil.

Nicolás González Casares explica que o Goberno decidiu poñer en marcha este plan para contribuír, sobre todo, a que Lalín poida afrontar o reto do despoboamento, “unha situación que é común a toda a Galicia interior, pero ante a que este Goberno non pode quedar de brazos cruzados”. “Cada vez é máis común”, explica, “que a xente nova e preparada marche fóra de Lalín unha vez rematan os seus estudos”. Trátase dun proceso “que moitas veces é irreversible, xa que esa xente nunca chega a regresar, e que queremos frear na medida das nosas posibilidades”. Así, o Plan Talento forma parte das actuacións encamiñadas a xerar máis oportunidades para as mozas e mozos, e permitirá crear un entorno proclive a apostar polo coñecemento como elemento estabilizador e rexuvenecedor da poboación. Por outra banda, o tenente de alcalde salienta que “con esta liña de actuación vaise favorecer a imaxe interna e externa de Lalín como un lugar propicio para o establecemento do talento e de novas iniciativas”.

Roteiros de Lalín