LALÍN ACOMETERÁ ENTRE O 13 E O 29 DE NOVEMBRO UNHA NOVA CAMPAÑA DE RECOLLIDA DE PLÁSTICOS DE ENSILAXE

LALÍN ACOMETERÁ ENTRE O 13 E O 29 DE NOVEMBRO UNHA NOVA CAMPAÑA DE RECOLLIDA DE PLÁSTICOS DE ENSILAXE
Martes 31 de Outubro de 2017 - Para levar a cabo este proceso, como é habitual, dividiuse o termo municipal en 3 grandes áreas nas que se realizarán as recollidas de residuos de xeito cronolóxico. Os plásticos non poden ser acopiados fóra das datas marcadas e deberán ser entregados limpos de herba e terra e non se poderán depositar garrafas nin rodas. O Concello reforzou este servizo de máxima importancia para os gandeiros.

O Concello de Lalín iniciará nos próximos días, a través da empresa especialista Simas S.L, unha nova campaña de recollida de plásticos agrícolas de ensilaxe polas diferentes zonas do rural do municipio. Así o veñen de anunciar os concelleiro de Rural, Miguel Medela, e de Actividade e Produción Agrogandeira, Nicolás González Casares. Para levar a cabo este proceso, como é habitual, dividiuse o termo municipal en 3 grandes áreas nas que se realizarán as recollidas de residuos de xeito cronolóxico.

A primeira área comprende as localidades de Noceda, Anzo, Losón, Busto, Madriñán, Méixome, Santiso, Bermés, Prado, Bendoiro e Filgueira. Nestes lugares habilitáronse como xornadas hábiles para depositar os plásticos os días 13, 14 e 15 de novembro. Os puntos de acopio establecéronse nos exteriores dos centros sociais de Losón, Anzo, Méixome e Noceda, así como no campo da festa de Bermés e no lugar de Cardexía, na finca de Vila, fronte á pista que vén do Toxo.

A segunda zona de recollida abarca as parroquias e lugares de Catasós, Vilanova, A Xesta, Barcia, Anseán, Gresande. Cristimil, Soutolongo, Botos, Moneixas, Zobra, Lebozán, Vilatuxe, Lodeiro, Doade, Donsión e Donramiro. Para estas parroquias marcáronse como xornadas hábiles para entregar os plásticos os días 20, 21 e 22 de novembro nos centros sociais de Catasós, Donsión, Vilatuxe e Lebozán, así como na estrada Lalín-Xesta (antes da ponte da autopista), xunto ao cruceiro de Doade, no aparcadoiro da igrexa de Sampaio, na cooperativa de Botos, na cooperativa de Gresande, na Praza de Vilar (Soutolongo) e na vía de Servizo, cerca di serradoiro de Moneixas.

A terceira zona de recollida comprende as parroquias de Lalín de Arriba, Xaxán, Goiás, Maceira, A Veiga, Sello, Fontecabalos, Erbo, Albarellos, Castro, Alemparte, Alperiz, Parada, Cadrón, Muimenta, Carballeda, Galegos, Cercio, Palio, Rodís, Cangas, Cello, Palmou, Camposancos e Val. Neste caso as xornadas hábiles para depositar os residuos plásticos serán os días 27, 28 e 29 de novembro e os puntos de acopio establecéronse nos exteriores dos centros sociais de Goiás, Sello e Palmou, así como xunto o cementerio novo de Erbo, o campo de fútbol de Cercio, o campo de fútbol de Cadrón, a estrada vella a Meixomín e nas cooperativas de Castro e Maceira.

Os plásticos entregados deben estar limpos de herba e terra e non se poderán depositar garrafas nin rodas. Do mesmo xeito, é importante lembrar que tampouco se poderán deixar plásticos fóra das datas marcadas para a recollida.

O servizo de recollida e xestión de plásticos agrícolas do Concello de Lalín ten moita importancia posto que as ganderías producen unha enorme cantidade deste tipo de residuos procedentes da ensilaxe, que son moi contaminantes e non poden ser queimados nin depositados en colectores convencionais. Por este motivo, o Goberno de Lalín reforzou o servizo, que se realizou 4 veces nos últimos 12 meses. Os concelleiros chamaron unha vez máis á sensibilización de todos os produtores na xestión e apelaron ao respecto polo medio ambiente, insistindo en que aqueles gandeiros que teñan problemas coa xestión dos plásticos se poñan en contacto co Concello antes de actuar pola súa conta e incumprir as normativas ambientais.

  • Para levar a cabo este proceso, como é habitual, dividiuse o termo municipal en 3 grandes áreas nas que se realizarán as recollidas de residuos de xeito cronolóxico

  • Os plásticos non poden ser acopiados fóra das datas marcadas e deberán ser entregados limpos de herba e terra e non se poderán depositar garrafas nin rodas

  • O Concello reforzou este servizo de máxima importancia para os gandeiros

Roteiros de Lalín