INSTALAN NOVOS BANQUILLOS PORTÁTILES NO CORTIZO

INSTALAN NOVOS BANQUILLOS PORTÁTILES NO CORTIZO
Martes 3 de Xaneiro de 2017 - Serán empregados, principalmente, nos partidos que se disputen ao ancho do campo.

Os concelleiros de Deportes, Nicolás González Casares e Miguel Medela, supervisaron onte a instalación de 4 novos banquillos adquiridos para o estadio Manuel Anxo Cortizo. O seu custe total foi de 9.196 euros e con eles -explicaron os concelleiros- “dáse resposta a unha vella demanda dunha gran parte dos usuarios do estadio municipal”. Esta instalación é habitualmente empregada por centos de deportistas para partidos e adestramentos de rugby, fútbol e fútbol gaélico. Concretamente, a Escola de Fútbol de Lalín ten unha media anual de 250 nenos e nenas formándose na práctica do fútbol. No caso do campo de herba sintética, as súas condicións fan que se poida dividir en dous campos de fútbol 7 en diferente orientación, permitindo o xogo de varios partidos ao mesmo tempo, principalmente de fútbol base ou fútbol gaélico feminino. A día de hoxe existen banquillos convencionais na orientación prioritaria do terreo de xogo, pero no caso dos partidos que se disputan nas outras orientacións non existen, polo que adestradores e deportistas deben permanecer a intemperie. Polo tanto, con esta adquisición cóbrese esta necesidade que se fai máis acuciante coa chegada do inverno. Os novos banquillos teñen capacidade para 7 persoas, son seguros e permiten a súa mobilidade de xeito sinxelo polos diversos espazos do campo.  

Roteiros de Lalín