INCLÚEN O CARBALLO DA IGREXA DE BERMÉS NO CATÁLOGO GALEGO DE ÁRBORES SENLLEIRAS

INCLÚEN O CARBALLO DA IGREXA DE BERMÉS NO CATÁLOGO GALEGO DE ÁRBORES SENLLEIRAS
Mércores 14 de Xuño de 2017 - As árbores senlleiras considéranse protexidas a todos os efectos, o que implica a prohibición de calquera acción que lle poida afectar negativamente. Celia Alonso mostrouse moi satisfeita pola resolución, indicando que se trata dunha “excelente noticia para o medio ambiente de Lalín”.

A concelleira de Medio Ambiente, Celia Alonso, vén de informar de que a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio aceptou a solicitude de inclusión do carballo (Quercus rubur) situado a carón da igrexa de Bermés no Catálogo galego de árbores senlleiras. A solicitude para incluír este exemplar dentro do citado catálogo foi efectuada en abril de 2011 por parte da Asociación “Villau Garrido”. O Goberno de Lalín amosou seu apoio a esta proposta xa que coincide coa Asociación en destacar os enormes valores ambientais, culturais, científicos e paisaxísticos do carballo.

Celia Alonso mostrouse moi satisfeita pola resolución da Consellería, indicando que se trata dunha “excelente noticia para o medio ambiente de Lalín”. A edil sostén que o carballo -situado no adro da igrexa parroquial- reúne todas as condicións para ser incluída no catálogo. Neste senso citou que se trata “dun exemplar centenario de incontestable fermosura, que permanece inmerso no imaxinario da localidade e de gran parte da cidadanía de Lalín, de modo que a súa declaración como árbore senlleira o revaloriza e, por riba de todo, o protexe”.

As árbores senlleiras considéranse protexidas a todos os efectos, o que implica a prohibición de calquera acción que lle poida afectar negativamente á súa integridade, á súa saúde ou á súa aparencia. Estes exemplares son posuidores dunha protección legal que tamén afecta ao seu ámbito inmediato e aos propietarios, en caso de habelos, que terán axuda oficial para coidalos. Esta liña de conservación supera no seu ámbito de acción o campo estritamente biolóxico, ao incorporar o valor antropolóxico desde o punto de vista da estética e a sensibilidade do pobo ao seu contorno.

Na memoria xustificativa aportada pola Asociación Villau Garrido para daclarar o carballo de Bermés como árbore senlleira, indícase que, segundo os datos históricos documentados en obras como Reseña histórica del Condado del Deza, de Francisco Vilariño, o carballo podería ter actualmente máis de 600 anos de idade. Así mesmo, a súa dimensión é de 1,34 metros de diámetro no seu tronco e duns 18 metros de altura. O carballo de Bermés convértese no terceiro exemplar do municipio en contar co recoñecemento, sumándose aos carballos de Vilatuxe e Soutolongo.

Roteiros de Lalín