O concelleiro de Actividade Gandeira, Xosé Manuel Hermida, cargou contra o voceiro do Partido Popular, José Crespo, a quen acusou de “sementar a cizaña e buscar a división do sector lácteo nun dos momentos máis difíciles da súa historia”. O edil fixo fincapé en que “é o momento de seguir coa unión que se veu mostrando ata o de agora e non o de separar, como pretende o señor Crespo, porque con iso só se conseguirá debilitar aínda máis aos produtores”.
Hermida xustificou a ausencia de membros do Goberno na xuntanza de onte alegando que se convocou “fóra de tempo, polo que non soubemos da reunión ata intres antes de comezar”. Neste senso o concelleiro recordou a falta de representantes do Partido Popular de Lalín na reunión convocada pola sección comarcal da Plataforma en Defensa do Sector Lácteo o pasado 28 de xullo, na que se acordou a organización da xornada de mobilizacións do día12. “Daquela non estivo ningún membro do PP de Lalín e si doutros concellos. Non obstante respectouse a súa ausencia xustificada por motivos de axenda, cousa que eles agora non fan”, manifestou o edil de Gandería. Así mesmo, Hermida sinalou que “a única deslealdade da que podemos falar é da mostrada por Crespo durante toda a súa etapa de goberno cos gandeiros, polos que nunca dou a cara, ao contrario que está facendo o actual Goberno”.
Falta de respecto de Lence
Por outro lado, o alcalde cualificou de lamentable que “Crespo presuma de manter unha teórica amizade con Jesús Lence, un empresario que se burla dos gandeiros e da súa crítica situación, causada en parte por prácticas empresariais como as súas que practicamente atentan contra os gandeiros”. Rafael Cuíña acusou a Lence de “faltarlle ao respecto a miles de familias que están a sufrir unha situación económica límite”, tras as súas declaracións de onte, e conminouno a pedir desculpas públicas ante o que considera unha “mofa inxustificable” por parte do empresario cara os produtores.