FINALIZAN OS CURSOS FORMATIVOS DO CONCELLO DE LALÍN PARA FAVORECER A EMPREGABILIDADE DAS PERSOAS EN RISCO DE EXCLUSIÓN SOCIAL

FINALIZAN OS CURSOS FORMATIVOS DO CONCELLO DE LALÍN PARA FAVORECER A EMPREGABILIDADE DAS PERSOAS EN RISCO DE EXCLUSIÓN SOCIAL
Venres 22 de Xuño de 2018 - Un grupo de participantes no curso de cooperativismo presentaron onte o seu proxecto de cooperativa relacionada co sector gastronómico que pretenden facer realidade. Ao longo desta semana tamén puxeron punto e final os cursos de alfabetización, riscos laborais, agricultura e gandaría, e obtención do permiso de circulación. González Casares destacou o éxito no eido da empregabilidade alcanzado por este programa formativo financiado cunha subvención de 19.844,50 euros da Consellería de Política Social.

O concelleiro de Benestar Social, Nicolás González Casares, informa de que esta semana rematan as actividades formativas programadas polo departamento de Servizos Sociais do Concello de Lalín para favorecer a inclusión social e laboral das persoas e colectivos en risco de exclusión social. Estas actuacións enmárcanse dentro dos programas que desenvolven as corporacións locais para a inclusión social da poboación inmigrante 2017/18, cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e Fondo Social Europeo 2014-2020. O Concello de Lalín recibiu da Consellería de Política Social unha subvención por importe de 19.844,50 € para a realización destes programas formativos.

No día de onte finalizou a formación sobre cooperativismo e autoemprego impartida pola membro de Cestola na Cachola, Raquel Doallo, que alcanzou unha moi notable implicación por parte das persoas participantes, tanto é así, que o grupo está traballando de maneira activa para poñer en marcha o proxecto empresarial xurdido durante o período formativo. A propia Raquel Doallo mostraba no acto de peche a súa satisfacción polo interese do grupo nun curso que tivo como obxectivo dar a coñecer as cooperativas como fórmula de emprendemento en clave colectiva e democrática, no marco dos principios da economía social. Así, o cursiño -de 50 horas de duración- centrouse en dar a coñecer a fórmula cooperativa e comezar a deseñar un plan de empresa cooperativo a partir de ideas reais de emprendemento das persoas participantes na formación. Polo tanto, traballouse con dinámicas grupais para a toma de decisións en equipo e estudáronse os pasos necesarios para iniciar unha cooperativa, ademais de coñecer e incluso visitar varias experiencias de éxito.

O curso finalizou cunha introdución do que é un plan de empresa e como se pode construír desde unha óptica cooperativa, destacando o compromiso e dedicación dun grupo de participantes que avanzaron enormemente o traballo cara á súa futura empresa denominada “Mi querencia, S. Coop. Galega”, un proxecto gastronómico sustentable e inclusivo centrado na repostería e na elaboración de tapas con produtos novidosos. O acto de clausura -con degustación incluída- ao que asistiron os concelleiros de Benestar, Nicolás González Casares, e de Emprego e Comercio, José Manuel Fernández, serviu par presentar o proxecto. Ámbolos dou lles deron os parabéns a todos e todas as participantes, así como a Raquel Doallo polo seu traballo, destacando a utilidade da acción formativa para acadar o obxectivo do autoemprego e ofrecéronlles o apoio por parte dos servizos do Concello para calquera necesidade xurdida da posta en marcha desta nova sociedade cooperativa.

No día de onte tamén rematou o curso de Prevención de Riscos Laborais de 60 horas realizado na Aula da Biblioteca Municipal. Así mesmo, finalizou o curso de alfabetización ofrecido por Luisa Salas na aula aberta da Asociación Carabelo e no día de hoxe, a técnica agrícola que imparte o curso de Agricultura, gandaría e manexo de maquinaria agrícola e forestal, Sonia Martínez Buján, levará o grupo de alumnas a visitar dúas explotacións gandeiras punteiras da Comarca, situadas en Palio e Oirós, antes do remate da acción formativa que terá lugar mañá. Por último, esta semana puxo punto e final o curso de obtención do permiso de circulación, onde se lle ofreceu ao alumnado a adquisición dos coñecementos teóricos precisos e a posibilidade de acollerse a unha oferta para continuar a formación práctica e a asistencia a exames nunha autoescola.

Ademais destas actividades formativas, grazas á concesión da subvención por parte da Consellería de Polícita Social, o departamento de Servizos Sociais conta cun servizo de apoio á inclusión sociolaboral de persoas inmigrantes, SAMI (SERVIZO DE ATENCIÓN ÁS MIGRACIÓNS), orientado a reverter procesos de exclusión social e co obxectivo de principal de fortalecer as competencias precisas para posibilitar o acceso ao emprego mediante a elaboración de proxectos de inclusión social e/ou sociolaboral.

Portal Transparencia

Roteiros de Lalín