FINALIZAN OS CAMPAMENTOS DE VERÁN CUMPRINDO O OBXECTIVO DE CONCILIAR E DE GARANTIR UNHA ALIMENTACIÓN SAÚDABLE EN VACACIÓNS

FINALIZAN OS CAMPAMENTOS DE VERÁN CUMPRINDO O OBXECTIVO DE CONCILIAR E DE GARANTIR UNHA ALIMENTACIÓN SAÚDABLE EN VACACIÓNS
Xoves 31 de Agosto de 2017 - Estas actividades desenvolvéronse con absoluta normalidade e tiveron unha gran acollida. A escola de verán ofreceu 1.500 menús, a maior parte gratuítos. En decembro terá lugar o campamento de Nadal, con 40 prazas máis. O concelleiro de Benestar fixo fincapé no esforzo do Goberno para impulsar propostas alternativas e de ocio saudable entre a xuventude, como o programa Lalín coa mocidade.

Onte finalizaron os campamentos deportivos urbanos do Concello de Lalín e a escola de verán con comedor. Este ano o Concello ofertou 390 postos, a maior parte gratuítos, nos campamentos xuvenís estivais (escola de verán, campamento urbano, campamento no mar), realizando un esforzo sen precedentes nesta liña, cun investimento total de 46.120 euros, tal e como indicou o concelleiro de Benestar Social, Nicolás González Casares. O edil informou de que todas estas actividades se desenvolveron con absoluta normalidade e que tiveron unha gran acollida, quedando moi satisfeitos tanto os nenos e nenas participantes, como os monitores e monitoras. Pero, por enriba de todo, Casares salientou que serviron para cumprir os seus obxectivos principais: facilitar a conciliación da vida familiar e laboral, ofrecendo alternativas de ocio saudable polas tardes, no caso dos campamentos, así como garantir unha correcta alimentación e unha boa atención aos menores en risco de exclusión social durante as vacacións, no caso da escola de verán, onde se serviron 1.500 menús, a maior parte gratuítos.

A escola de verán con comedor encádrase dentro das múltiples iniciativas de carácter social postas en marcha polo Goberno local dende a súa toma de posesión. Configúrase como un programa de educación non formal con diversas actividades en función da idade dos grupos de menores aos que se dirixe. Esta proposta, xunto coa dos campamentos, busca promover actividades educativas alternativas durante o período estival, favorecer o desenvolvemento integral dos menores e fomentar hábitos de vida saudables e actividades a favor da convivencia, a integración e a participación.

Por outra banda, Nicolás González Casares lembrou que no mes de decembro se desenvolverá o campamento de nadal, para o que se ofertan 40 prazas máis (13 gratuítas). O prazo para inscribirse nesta actividade será anunciado de xeito adecuado días antes da súa apertura. O tamén tenente de alcalde fixo fincapé no esforzo do Goberno para impulsar propostas alternativas e de ocio saudable entre a xuventude. Nesta liña recordou que está aberto o prazo para inscribirse no programa “Lalín coa mocidade”, que oferta 4 propostas no mes de setembro:

7 setembro

Olimpíadas gaélicas. Actividade deportiva organizada polo equipo Herdeiros de Dhais na que se dará a coñecer entre os participantes o fútbol gaélico, un deporte de orixe irlandesa en auxe en Galicia.

8 setembro

Ruta nocturna de sendeirismo pola Fraga de Casas Vellas en colaboración con Roteiros de Lalín e Salvemos Catasós.

17 de setembro

Xincana de aventuras polo paseo do Pontiñas.

26 de setembro.

Coincidindo co martes das festas patronais terá lugar na Praza das Pipas, un obradoiro de cultura urbana.

Inscricións na recepción do concello e no correo electrónico mocidade@lalin.gal.

Roteiros de Lalín