FINALIZA A REDACCIÓN DO PROXECTO PARA A DEMOLICIÓN DO MANUEL RIVERO QUE SE INICIARÁ EN OUTONO

FINALIZA A REDACCIÓN DO PROXECTO PARA A DEMOLICIÓN DO MANUEL RIVERO QUE SE INICIARÁ EN OUTONO
Luns 6 de Agosto de 2018 - A demolición desta infraestrutura é necesaria para a futura construción dun novo albergue de peregrinos e dunha praza; obras enmarcadas no Plan de Recuperación Social desta zona. González Casares lembrou que este plan vai poñer en valor unha superficie total de máis de 3.500 metros cadrados e servirá para recuperar unha zona que levaba anos abandonada para o desfrute da veciñanza. O derrube do edificio efectuarase de maneira ordenada e garantindo todas as condición de seguridade.

O tenente de alcalde, Nicolás González Casares, anunciou hoxe que o Concello de Lalín xa conta co proxecto definitivo para demolición do antigo colexio Manuel Rivero e explanación da súa parcela. Este documento foi elaborado polo arquitecto Pablo Fernández Villamarín. A demolición do vello centro educativo enmárcase dentro do denominado Plan de recuperación social do Manuel Rivero, un dos proxectos máis ambiciosos da estratexia Lalín Ssuma 21 cofinanciada nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) mediante o Programa Operativo de Crecemento Sostible (POCS) 2014-2020).

Como explicou o concelleiro, a demolición desta infraestrutura é necesaria para a futura construción do novo albergue de peregrinos e para a explanación da parcela de maneira que exista unha continuidade entre as rúas e as rasantes finais da parcela resultante. O ámbito de actuación comprende o total da parcela do antigo colexio Manuel Rivero, cunha superficie de 1.523 metros cadrados, dos que 1.014 están ocupados pola edificación. Unha vez finalizada a redacción do proxecto definitivo abrirase un proceso de licitación das obras baixo a modalidade aberta simplificada, co obxectivo de que a actuación poida durante o outono.

As edificacións que compoñen o conxunto do antigo colexio son 3: dous espazos docentes se idénticas características e un terceiro edificio que foi destinado a ximnasio. Os inmobles atópanse abandonados dende hai anos e non reúnen unhas mínimas condicións de habitabilidade, polo que para darlle un novo uso, a alternativa técnica e economicamente máis viable é a súa demolición. Para derrubar o edificio empregaranse diferentes métodos de traballo, tales como ferramentas manuais e outros mecánicos de percusión, corte e perforación ou empuxe e tracción. Antes de iniciar a demolición do edificio protexerase a zona debidamente, xa que nas rúas circundantes existe unha afluencia continua de vehículos e peóns, de modo que é necesario tomar as medidas de seguridade oportunas. Entre estas procederase á colocación dun valado de seguridade que evitará entradas indesexadas ao recinto.

A demolición efectuarase de arriba cara abaixo de maneira ordenada e intentando que se vaia desenvolvendo sempre ao mesmo nivel. Como primeiro paso procederase á retirade selectiva de enseres e mobiliario, así como elementos de tabiquería, para dar paso a falsos teitos, escaleiras etc. eliminando finalmente os muros e as cimentacións ata deixar a zona completamente limpa e explanada. O Concello conta cun orzamento de 89.358 euros para esta intervención.

Non obstante, como lembrou González Casares, o montante total que se prevé destinar ao Plan de recuperación social do Manuel Rivero ascende a máis dun millón de euros, o que permitirá desenvolver diferentes actuacións para poñer en valor unha superficie total de máis de 3.500 metros cadrados e avanzar nun novo modelo de vila, ao tempo que se recupera para o desfrute da veciñanza unha zona que levaba anos en estado de abandono e completamente deteriorada. Na zona do colexio o proxecto contempla a construción dun albergue de peregrinos convertendo o espazo nunha praza. Por outra banda rehabilitaranse as vivendas sociais dos mestres como vivendas de alugueiro de baixo custe e reordenar o tráfico e os aparcamentos na medida do posible desta rúa e convertela nunha rúa de prioridade peonil, entre outras cuestións.

Portal Transparencia

Roteiros de Lalín