FEIRADEZA REUNIRÁ ENTRE O 7 E O 9 DE XULLO A MÁIS DE 100 DAS MELLORES VACAS DA COMARCA

FEIRADEZA REUNIRÁ ENTRE O 7 E O 9 DE XULLO A MÁIS DE 100 DAS MELLORES VACAS DA COMARCA
Martes 27 de Xuño de 2017 - Entre os cambios introducidos este ano destaca a substitución da sección de gran campiona provincial pola de mellor criador de xovencas. O alcalde animou a toda a cidadanía a asistir a este evento e a “desfrutar do rural e da magnífica calidade da nosa cabana gandeira”. Feiradeza é un certame gandeiro de referencia en Galicia que este ano contará co xuíz internacional de Conafe, Santiago García Souto, para xulgar os concursos.

Onte tivo lugar a presentación de Feiradeza 2017, que se celebra os días 7, 8 e 9 de xullo no mercado de gando, acollendo o XXIII concurso e poxa da raza frisona. No acto participaron o alcalde, Rafael Cuíña, o concelleiro de Actividade Agraria, José Manuel Hermida, o tenente de alcalde, Nicolás González Casares, o presidente de Africor Pontevedra, Rafael Méndez e o xerente da mesma asociación, José Rodríguez, quen informou de que nestes momentos xa hai inscritos 102 animais pertencentes a 20 gandarías diferentes das comarcas de Deza, Tabeirós e Terra de Montes, aínda que a cifra pode aumentar nos próximos días.

Para o Goberno local -apuntou o alcalde, “a aposta por Feiradeza debe ser firme e decidida tendo en conta que Lalín presume de ser un concello rural”. Nesta liña indicou que “vendo a crise na que está inmerso o rural e o sector lácteo, un evento como Feiradeza contribúe á súa visualización e, polo tanto, é absolutamente fundamental”. “Esta é a liña que imos seguir os próximos anos” -engadiu- “de modo que trataremos incluso de reforzar Feiradeza porque o consideramos un certame imprescindible no noso calendario de actos”. Para rematar Rafael Cuíña animou a toda a cidadanía a asistir a Feiradeza 2017 e a “desfrutar do rural e da magnífica calidade da nosa cabana gandeira”.

Pola súa banda o concelleiro de Actividade Agraria explicou que entre os cambios introducidos este ano se encontra a substitución da sección de gran campiona provincial pola de mellor criador de xovencas, xa que a vaca vencedora provincial acababa sendo a gañadora de Feiradeza e deste xeito non se superpoñerán premios. O cartel tamén foi creado especialmente para esta edición e o modelo de sorteo cambiouse co obxectivo de axilizalo, debendo os presentes depositar nunha urna previamente colocada no mercado as papeletas.

Hermida agradeceu a colaboración de diferentes entidades con este evento (Caixa Geral, Reny Picot, Leite Celta, Dona Cobiña Queixos e Xuncoga).

A Deputación doou 2 animais para a poxa, que este ano superan os 80 puntos de cualificación e os 8.500 kg de produción, e un para o sorteo entre os presentes. Así mesmo, Feiradeza 2017 acollerá o XVIII concurso de xóvenes manexadores organizado polo Club de Xóvenes Gandeiros de Galicia, que traballa para que participen no mesmo un número importante de persoas.

Feiradeza é un evento gandeiro de referencia en Galicia que este ano contará co xuíz internacional de Conafe, Santiago García Souto, para xulgar os concursos. O Concello conta con 31.000 euros para organizalo, dos que 10.000 van destinados a premios.  

CALENDARIO DE ACTIVIDADES

VENRES DÍA 7 DE XULLO

10:00 - 18:00 h. ENTRADA DO GANDO,

verificación da documentación e aloxamento no

recinto.

SÁBADO DÍA 8 DE XULLO

14:00 h. INAUGURACIÓN DE FEIRADEZA 2017.

16:15 h. Inicio do Concurso, Seccións de Xatas e

Xovencas.

18:15 h. XVIII Concurso Novos Manexadores.

DOMINGO DÍA 9 DE XULLO

10:30 h. Concurso de vacas de leite e campionatos.

13:30 h. IX POXA DE GANDO FRISON.

14:30 h. Entrega de premios e sorteos.

14:30 h. Clausura e Xantar.

Este concurso será xulgado por:

D. SANTIAGO GARCÍA SOUTO

Xuíz Nacional de CONAFE

XXXIII FEIRADEZA • LALÍN

Roteiros de Lalín