FEIRADEZA REÚNE ESTA FIN DE SEMANA A MÁIS DE 100 DAS MELLORES VACAS FRISONAS DE LALÍN E DA COMARCA

FEIRADEZA REÚNE ESTA FIN DE SEMANA A MÁIS DE 100 DAS MELLORES VACAS FRISONAS DE LALÍN E DA COMARCA
Xoves 5 de Xullo de 2018 - A XXXIV edición acolle os tradicionais concursos, poxas de gando selecto e o sorteo entre os presentes dunha xata e dunha xovenca preñada.

Esta mañá presentouse no concello a XXXIV edición de Feiradeza, na que se celebra a XXIV Concurso e Subasta da Raza Frisona e que organiza o Concello de Lalín co obxectivo principal, tal e como expresou o concelleiro de Actividade Agraria, Nicolás González Casares, de “poñer en valor e expoñer ante a cidadanía a mellor cabana gandeira de Galicia, que é que temos en Lalín e na comarca do Deza”. Feiradeza 2018 terá lugar a próxima fin de semana (6, 7 e 8 de xullo) no mercado de gando, coa entrada e preparación dos animais o venres e co inicio oficial do certame o sábado ás 16.00 horas. Nesta xornada celebraranse os concursos de xatas e o XIX Concurso de novos manexadores, mentres que o domingo será a quenda das vacas de leite e a tradicional poxa de gando selecto. A clausura do certame está programada para as 14.30 horas, tras e entrega de premios e o sorteo entre os presentes dunha xata e dunha xovenca preñada valoradas en 500 e 1.000 euros, respectivamente.

González Casares destacou o esforzo do Concello de Lalín para conseguir que este evento continúe sendo “unha auténtica referencia en Galicia dentro dos concursos morfolóxicos de gando” e apuntou “á complexidade e ao inxente traballo que é necesario desenvolver por parte da organización e das explotacións para que un evento deste tipo sexa un éxito unha vez máis”. Finalmente convidou a toda a cidadanía a asistir a Feiradeza e “a desfrutar de dous intensos días de poxas e mostras do gando máis selecto do interior de Galicia”.

Como representantes de Africor Pontevedra estiveron presentes na presentación Rafael Méndez e José Rodríguez, quen comezou agradecéndolles aos gandeiros o esforzo que están realizando este ano para poder aumentar -tal e como estaba previsto para esta edición- o número de animais con respecto a anos anteriores. Deste xeito, explicou que se comezou coa preselección nas explotacións duns 140 animais dos que finalmente xa hai confirmados para participar no concurso 104 pertencentes a 25 gandarías. A calidade dos mesmos “é extraordinaria”, destacou Rodríguez, quen puxo de manifesto os “enormes avances dos gandeiros e gandeiras da zona, que se foron profesionalizando e conseguindo rabaños de enorme calidade e moito rendemento dos que veremos unha mostra moi boa na “festa da gandaría” que é Feiradeza”. Por último apuntou que o xuiz do concurso será o xuíz nacional de Conafe, Pol Collell, catalán e de tan só 23 anos, que precisamente deu os seus primeiros pasos na súa formación como xuíz en Lalín. José Rodríguez tamén deu as grazas a todos os patrocinadores e ao Concello.

Pechou a rolda de prensa o alcalde, Rafael Cuíña, agradecendo o esforzo da organización para facer realidade cada ano o “certame máis importante de Galicia que, como non podía ser doutro xeito se celebra no concello con máis vacas do país”. Para rematar convidou a todos os lalinenses e tamén á xente de fóra a participar dunha xornada da que se pode desfrutar non só a nivel profesional, senón tamén a nivel familiar.

Portal Transparencia

Roteiros de Lalín