FEIRADEZA PERFILA OS ÚLTIMOS DETALLES DE CARA A SÚA CELEBRACIÓN OS DÍAS 8 E 9 DE XULLO

FEIRADEZA PERFILA OS ÚLTIMOS DETALLES DE CARA A SÚA CELEBRACIÓN OS DÍAS 8 E 9 DE XULLO
Luns 12 de Xuño de 2017 - O certame gandeiro de máis sona da provincia acollerá o XIII concurso e subasta da raza frisona. Onte tivo lugar no concello unha xuntanza de organización na que se decidiu substituír a sección de “campiona provincial” por outra de “mellor criado de xovencas".

Onte reuniuse no concello o comité de Feiradeza nunha xuntanza convocada polo concelleiro de Actividade Agraria, Xosé Manuel Hermida, que tivo como obxectivo ir pechando os últimos detalles de cara a celebración do certame gandeiro os días 8 e 9 de xullo. No encontro participaron -ademais do propio edil- o presidente de Africor Pontevedra, Rafael Méndez, e o xerente da mesma organización, José Rodríguez. Así mesmo, asistiron á xuntanza numerosos gandeiros da zona que cada ano colaboran na organización deste evento, que nesta ocasión acollerá o XXIII Concurso e Poxa da Raza Frisona.

A xuntanza serviu para fixar o programa da feira, que seguirá en xeral as liñas de programación de edicións anteriores, con sorteos, poxas, exposicións de gando e concursos morfolóxicos e de manexadores dotados con máis de 7.500 euros en premios. Como novidade decidiuse eliminar a sección de vaca campiona provincial, xa que como explicou Hermida “a vencedora desta sección sempre acababa sendo a vaca gran campiona de Feiradeza, de modo que se anticipaba a resolución deste premio”. Así, acordouse substituír esta condecoración por unha sección de nova creación na que se recoñecerá ao mellor criador de xovencas, coa finalidade de pór en valor a importancia da recría de calidade nas explotacións.

Así mesmo, mantense o recoñecemento ás mellores explotacións segundo os datos obtidos no control leiteiro. Trátase da concesión duns premios (sen dotación económica), divididos en categorías dependendo do tamaño das producións, que tratan de visibilizar e pór en valor o bo traballo das ganderías con máis calidade e mellores datos de produción. Así mesmo aumentarase o valor da nai que sairá a poxa e que nesta edición alcanzará os 8.500 kg de produción e os 80 puntos de cualificación morfolóxica. Por último, e co obxectivo de axilizar os sorteos, no canto de sacar números ata que estes coincidan co a rifa dalgún dos presentes, as persoas que desexen participar no sorteo deberán depositar o resgardo da papeleta nunha urna da que serán extraídos directamente os números gañadores.  

Roteiros de Lalín