FEIRADEZA 2016 CELEBRARASE OS DÍAS 10 E 11 DE SETEMBRO

FEIRADEZA 2016 CELEBRARASE OS DÍAS 10 E 11 DE SETEMBRO
Mércores 17 de Febreiro de 2016 - A coincidencia no mes de xuño coa Semana Verde foi un dos motivos que se tivo en conta para fixar esta data. Preténdese introducir como novidade no certame deste anoa posta en marcha dun recoñecemento ás mellores explotacións segundo os datos obtidos no control leiteiro.

A sala de prensa do Concello acolleu este luns a primeira reunión de organización de Feiradeza 2016. Na xuntanza estiveron presentes o concelleiro de actividade e produción agrogandeira, Xosé Manuel Hermida, o presidente de Africor Pontevedra, José Manuel Madriñán e o xerente da mesma organización, José Rodríguez. Así mesmo, participaron no acto o alcalde, Rafael Cuíña, o tenente de alcalde, Nicolás González Casares e numerosos gandeiros da zona. Un dos puntos principais do encontro centrouse en fixar a data do evento no que se inclúe a celebración do XXII Concurso e Poxa da Raza Frisona. Finalmente e, tras valorar diversas cuestións, os presentes decidiron establecer a celebración de Feiradeza 2016 na segunda fin de semana do mes de setembro, é dicir, durante os días 10 e 11 do referido mes, con entrada do gando ao recinto o día 9.

O certame gandeiro de máis sona da provincia víñase celebrando habitualmente a finais do mes de xuño. Non obstante, tras debater as diferentes propostas ao longo da reunión, decidiuse por consenso atrasar en 2 meses o evento deste ano. Para chegar a este acordo tívose moi en conta, por exemplo, a coincidencia no mes de xuño do concurso de gando frisón da Semana Verde. Ademais, considérase que ao ser a feira en setembro, as temperaturas poden ser máis suaves que no mes de xuño, evitando así as habituais incomodidades que sofre o gando provocadas pola abafante calor doutras edicións.

Aínda que faltan moitos meses e as reunións de coordinación continuarán, Feiradeza 2016 e o XXII Concurso e Poxa da Raza Frisona seguirá en xeral as liñas de programación de edicións anteriores, con sorteos, poxas , exposicións de gando e concursos morfolóxicos e de manexadores dotados con máis de 7.000 euros en premios. De todos os xeitos, unha das principais novidades que se pretende introducir no certame deste ano é a posta en marcha dun recoñecemento ás mellores explotacións segundo os datos obtidos no control leiteiro. Trataríase da concesión duns premios (sen dotación económica), divididos en categorías dependendo do tamaño das producións, que tratarían de visibilizar e pór en valor o bo traballo das ganderías con máis calidade e mellores datos de produción. 

Roteiros de Lalín