A FEIRA "SE É DE LALÍN É BO" CELEBRARÁ A SÚA PRIMEIRA EDICIÓN O 10 DE SETEMBRO

A FEIRA "SE É DE LALÍN É BO" CELEBRARÁ A SÚA PRIMEIRA EDICIÓN O 10 DE SETEMBRO
Mércores 12 de Xullo de 2017 - Esta iniciativa, que busca poñer en valor o produto local de calidade feito en Lalín, celebrarase de forma periódica os segundos domingos de cada mes

O alcalde, Rafael Cuíña, mantivo hoxe unha reunión cos produtores locais que van participar na primeira edición da Feira "Se é de Lalín é bo". Este proxecto pretende poñer en valor a calidade do produto feito en Lalín e, ao mesmo tempo, dinamizar a actividade comercial e social dos domingos. En concreto, no encontro de hoxe decidiuse que a primeira das feiras se celebrará o segundo domingo de setembro, día 10, e que esta iniciativa se desenvolverá de forma periódica os segundos domingos de cada mes. Ademais tamén se apuntou que terá carácter rotatorio, de forma que en cada unha das feiras poidan participar diferentes vendedores de Lalín amosando a riqueza e variedade dos produtos da vila. 

Para a celebración destas feiras,  Concello porá a disposición dos interesados as 10 carpas patrocinadas por Espina&Delfín e que dende hai unhas semanas xa se utilizan no mercado tradicional dos sábados dándolle unha maior vistosidade ao evento. Cuíña agradeceu ás firmas produtoras lalinenses "o seu interese en participar neste evento para contribuír así a consolidar a xa recoñecida fama que teñen os magníficos produtos do noso concello, dándolle visibilidade ás nosas mellores producións que contan, ademais, co acicate do comercio de proximidade que nos beneficia a todos". En concreto, nesta primeira edición da feira "Se é de Lalín é bo", participarán Licores Pousa, Kalekoi, Cooperativa Hoxe, Lalín Elaborados Cárnicos Emdeza, panadería da Morena, Mel Pájaro, Dona Cobiña-Cobideza, Ángela Frutas y Hortalizas, e os produtores Octavio daparte (produtos ecolóxicos) e José Ramón Vilela (panadería e confitería).

Roteiros de Lalín